Beleza

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

A LARACHA

15 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A humanidade, polo menos a que ten tempo para facelo, leva séculos debatendo sobre beleza. Tamén hai que ter paz para apreciar o bo, e o estómago cheo. Falar de beleza, por exemplo, diante as atroces calamidades que están pasando as ducias de miles de refuxiados que chegan a Europa, é como mínimo obsceno. Pero a vida dos que teñen ou tiveron máis sorte inclúen ese lucro hedonista ao que hai que darlle saída. Non hai que ir demasiado ao fondo. Ata non fai nada ignorábase a beleza do mar e as rúas principais dos pobos mariñeiros miraban cara dentro: era máis importante ter a casa abrigada que apreciar as olas. No interior, se había que facer unha corte cortábase a horta, daba igual que houbese maceiras vellas e espléndidas no sitio. Utilitarismo por riba de todo, sempre. A beleza era comer, sobrevivir. Creo que todos estamos de acordo en que hai prioridades.

Por iso valoro máis a aqueles que, neses anos de pobreza, de vida dura, tiñan a suficiente sensibilidade ou visión para ollar o que os demais non. Penso nos que xa apreciaban as fervenzas cando estaban tapadas polas silvas, como a de Rus. Ou os que impedían que construísen nela outro salto hidroeléctrico, como a de Entrecruces. Os que mantiñan as vellas árbores nos adros, como na igrexa de Bértoa, ou os que se resistían a erguer adefesios nos pobos de mar aínda que os cartos xa llo permitisen, como facía o veciño (vale para varias vilas da costa). Os que en Carballo aguantaron a presión do formigón nos 70 e 80, mantendo vivendas lustrosas e xardíns. Os que deixaron vivas as filas de plátanos cara Caión ou Golmar.

Sensibles e resistentes. Seríamos outros con máis así.