«Unha hora de risoterapia non lle vén mal a ninguén»

Á. Palmou

A LARACHA

Álvaro Ballesteros

A Primavera Teatral de Paiosaco baixa esta noite o pano coa representación da obra «Rosa de dous aromas»

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosa de dous aromas, unha obra orixinal do autor mexicano Emilio Carballido que xa ten sido levada ao cine, é a peza coa que esta noite rematará unha nova edición da Primavera Teatral de Paiosaco (centro sociocultural, 21.00). A actriz, Isabel Blanco (Berna, Suíza, 1974), coñecida pola súa participación en programas e series de televisión, como A Repanocha ou Mareas vivas, e en películas como Un franco, 14 pesetas, comparte escenario con Sabela Hermida nesta adaptación dirixida por Lino Braxe e que, segundo conta, invita ao público a rir demostrándolle que as cousas non sempre son o que parecen.

-¿Que lle atraeu da personaxe para embarcarse no proxecto?

-O que máis me chamou desta personaxe foi a contradicións que se poden ver nela e que tamén ocorren na vida real; non sempre somos a etiqueta que nós tentamos vender ou a que nos colocan. Os actores e actrices temos a sorte de meternos na pel de moitas personaxes e resulta moi interesante facer ese traballo de investigación de como se é cara fóra e como se é cara dentro, e ver que no caso de moitas personaxes a correspondencia é mínima. A min o que mais me gustou da miña personaxe, Gabriela, é que é unha muller culta, moi estrita consigo mesma e o seu entorno, cunha vida impoluta... O que se di ser unha persoa de ben, e que contrasta diametralmente coa personaxe que interpreta a miña compañeira Sabela Hermida, que é unha perruqueira de barrio, unha rapaza con poucos estudios, bastante menos correcta, pero máis simpática e cercana que Gabriela, que é hierática e contida.

-Pero as cousas non son o que parecen.

-Non, afortunada ou desafortunadamente non todo é o que reloce. É moi gracioso descubrir como os personaxes se van transformando e nin a lista era tan lista nin a tonta era tan tonta, por dicilo dun xeito moi simple, porque a obra ten moito máis transfondo. Reflicte as condutas desta sociedade e cuestiona que é o correcto e que non o é nos comportamentos humanos e revela a hipocrisía que existe e a diferenza que hai entre como se vive de portas para fóra e de portas para dentro.

-¿Que lle proporciona o teatro que non lle dá a tele ou o cine?

-A marabilla dos escenarios, do teatro, é o retorno, a retroalimentación inmediata que podes percibir actuando. Esa vibración, esa conexión e comuñón co público non a podes ter na televisión a menos que fagas un programa en directo con público. Esa inmediatez que tanto gozas no teatro non a tes na tele nin no cine, pero os tres paus teñen o seu encanto e non cambiaría ningún. Se me preguntan que prefiro teño que dicir que cada un é diferente: o cine é o arte do detalle e podes enfrascar unha emoción e plasmala nun momento; a tele é o goce de saber que están varias cámaras seguíndote e iso dáche seguridade e comodidade, e o teatro esíxete unha bagaxe e moita enerxía pero dáche un gozo in crescendo que che alimenta moitísimo. Estou moi cómoda nestes tres ámbitos que son nos que estou traballando. Fáltame escribir e cantar, pero xa ando niso tamén porque son cousas que hai que ir desenvolvendo porque nunca sabes cando che van facer falta.

-¿Cando afronta un papel que xa foi interpretado por outras actrices interésase polo traballo delas?

-O traballo de documentación sempre é importante cando afrontas un proxecto, é algo básico, non obstante nunca me fixo no traballo doutra actriz facendo o mesmo papel. Gústame construír desde min mesma; nun primeiro momento dun xeito bastante intuitivo porque penso que cada persoa ten o seu propio copyright, o seu selo de identidade, e por iso moléstame bastante cando descubro andares, xestos ou ademáns en actores e actrices que me recordan a outros actores e actrices, pero sei que ás veces é imposible de evitar porque traballamos con mimetismos e podes acabar facéndoo de xeito involuntario. Eu trato de abordar os papeis desde quen son eu e que as miñas vivencias me sirvan para aportar uns matices ou outros.

-¿Por que ninguén debería perderse esta representación?

-Porque nunca nos rimos o suficiente e unha hora de risoterapia non lle vai mal a ninguén. Se foran ao seu médico de cabeceira eu penso que á gran maioría da xente lla prescribirían. É unha obra de moita risa, de moita empatía co público, que conta cousas recoñecibles tamén na súa vida diaria e que crea complicidade. É unha obra tanto para xente nova como para maiores; para todos, menos para nenos porque hai algunha palabriña que no soa moi ben, aínda que son moi poucas.

-¿Como ve unha filla da emigración o feito de que unha nova xeración de galegos teñan que deixar a súa terra?

-A emigración ten un lado boísimo e un hándicap enorme. A desgraza de que os meus pais se tivesen que separar tantos anos dos seus seres queridos para emigrar por un motivo tan doloroso como é a cuestión económica para eles foi un gran sacrificio, pero foi para min unha oportunidade sen igual. Por iso gustaríame que a emigración de hoxe en día fose voluntaria: que alguén se quere progresar, seguir formándose ou mellorar decida, xa non emigrar porque eu non lle chamaría así, senón cambiar de lugar o poida facer. Pero mentres Galicia, tan completa e tan rica, teña o pouso da dor da emigración vaille custar gozar da súa alegría natural.