Primeira saída de Galicia de «Territorio regueifa», a Euskadi

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Maseda, Josinho da Teixeira e Lupe Blanco, en escena
Maseda, Josinho da Teixeira e Lupe Blanco, en escena ANA GARCIA

Da peza teatral, estreada no seu día en Carballo, haberá unha dobre función: venres e domingo 

05 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Da terra dos regueifeiros á dos bertsolaris. Dá outro paso a obra de teatro Territorio regueifa, que inicia unha nova etapa coa que será a súa primeira saída da comunidade galega. O motivo: unha dobre función en Euskadi, a primeira mañá, venres, no Centro Galego de Bizkaia (20.45 horas) e a segunda, o domingo ás 18.00 no Casino de Laudatio. Protagonizada por Lupe Blanco, regueifeira coristanquesa, así como por Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, Territorio regueifa é un espectáculo que combina teatro, música, humor e creación en directo, achegando en vivo ao público as orixes da regueifa, a súa evolución ao longo do tempo e a súa presenza contemporánea. «A regueifa, lonxe de quedar circunscrita ao territorio no que naceu e se desenvolveu —Bergantiños—, continúa a atopar novos espazos nos que expresarse e transformarse. Estas primeiras funcións fóra de Galicia abren unha nova vía para o percorrido do espectáculo, que sumará máis datas nos vindeiros meses», avanzan dende Ainé, a produtora. Territorio regueifa estreouse a comezos deste ano en Carballo, plena de espectadores. Coa función chega a improvisación oral galega a novos contextos e públicos, conectando con persoas e territorios. As dúas funcións en Euskadi serán gratuítas.