Haberá cando menos tamén outra cita literaria esta fin de semana na comarca: en Laxe, con Xosé Antonio Andrade
05 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Vén por diante unha fin de semana intensa en actos culturais na Costa da Morte. Teatro, encontros, micoloxía, música... Mais tamén, sempre, os libros. Entre as citas literarias das vindeiras horas, ademais de Farruco Graña este xoves en Carballo con Eu voun navegar, está o paso pola biblioteca da Laracha do vimiancés José Pardiñas Alvite.
El é o autor de En vísperas de nada, un ensaio de loa ao rural e aos seus valores co que xa ten pasado por localidades como Cee ou Vimianzo, mesmo por partida dobre. O encontro co autor será este venres, ás 20.30 horas, un acto no que estará acompañado por Pablo Cambón, edil de Obras e Urbanismo e profesor técnico de formación profesional, e Bibiana Bértoa Cambón, xefa de estudos do IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra).
Por outra banda, o sábado haberá ocasión de xuntarse e coñecer un pouco máis da escrita e proxecto literario do avogado e exedil coristanqués Xosé Antonio Andrade. El acudirá á libraría Risón de Laxe, ás 19.00 horas, dende onde avanzan unha cita para descubrir unha nova historia, conversar arredor da literatura e compartir amor polos libros. No centro da conversa, a obra Querida Paula.