Cinco casas de escritores galegos presentan en Padrón o proxecto Terraverso

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Reunión inicial do proxecto Terraverso, o 5 de xuño, na Fundación Pondal
Reunión inicial do proxecto Terraverso, o 5 de xuño, na Fundación Pondal ANA GARCIA

As fundacións Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Uxío Novoneyra, así como a Casa-Museo Otero Pedrayo e a Universidade da Coruña, únense nunha iniciativa que conecta ciencia, arte e comunidade arredor do patrimonio literario rural

04 nov 2026 . Actualizado a las 12:42 h.

A sede da Fundación Rosalía de Castro, en Padrón, acollerá este venres a presentación do proxecto Terraverso, unha iniciativa liderada pola Universidade da Coruña na que participarán cinco casas de grandes escritores galegos co obxectivo de conectar ciencia, arte e comunidade aredor do patrimonio literario rural.

Financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), o proxecto implica ás fundacións Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Uxío Novoneyra, así como a Casa-Museo Otero Pedrayo, e desenvolverase entre o 2026 e o 2028. 

Terraverso conta cun equipo interdisciplinar da UDC, que está integrado por persoal investigador con experiencia en socioloxía, patrimonio, turismo, comunicación, educación, cultura e participación social, e que traballará en diálogo coas cinco casas e coas comunidades dos territorios participantes. O proxecto ve estas casas como espazos «nos que investigar, crear, compartir coñecemento e experimentar novas formas de relación entre patrimonio literario e territorio».

Diagnóstico e material

A iniciativa botará a andar cunha primeira fase de escoita e diagnóstico sociolóxico. A través dunha enquisa cidadá, entrevistas e outras ferramentas participativas, o equipo investigador estudará como se percibe e se vive o patrimonio literario nos diferentes territorios, que vínculos establece a cidadanía coas casas e cos legados dos escritores, e que necesidades, barreiras e oportunidades existen.

Os resultados deste diagnóstico servirán como punto de partida para posteriores procesos de mediación e cocreación, nos que dialogarán investigación, creación artística, ferramentas tecnolóxicas e saberes locais. Así mesmo, Terraverso desenvolverá recursos dixitais, cartografías, rutas sonoras, contidos multimedia e accións de divulgación e transferencia, coa vontade de construír unha metodoloxía que poida ser adaptada e transferida a outros contextos de patrimonio literario.

Presentación e conversa

A xornada deste venres 6 de novembro terá unha primeira parte de traballo entre representantes das cinco casas e o equipo Terraverso para, xa á tarde, procederen á presentación pública do proxecto. Un dos momentos centrais será a mesa de diálogo Cinco casas, cinco territorios, unha conversa, na que as entidades participantes falarán sobre a relación entre os legados literarios, as comunidades e os territorios nos que se insiren. A presentación dará tamén a coñecer o proceso de diagnóstico co que o proxecto comezará a súa actividade.