Quinta edición de Bercamel, a feira do mel galego, en Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Unha das edicións que xa ten habido de Bercamel en Carballo
Unha das edicións que xa ten habido de Bercamel en Carballo BASILIO BELLO

Este domingo tamén trae na súa axenda festas, música e algunha que outra dose de baile

11 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Carballo • É hoxe segundo domingo de mes e, por tanto, día de mercado en Carballo. E non só iso, senón que a Praza do Concello acollerá entre as 09.00 e as 14.00 horas a quinta edición de Bercamel, a feira do mel galego. Será pois a capital de Bergantiños durante esta mañá todo un escaparate da apicultura galega, unha cita organizada pola Asociación Galega de Apicultura en colaboración co Concello de Carballo. Segundo divulgou o consistorio días atrás, Bercamel permitirá achegarse ao mundo do mel e coñecer a variedade e calidade dos produtos apícolas galegos. Ademais da exposición e venda, a xornada incluirá dúas catas de meles galegos, ás 11.00 e ás 12.45 horas. Ao longo da traxectoria tamén se sortearán dous cestos con produtos da propia feira, neste caso programados ás 12.00 e 13.30.

Contedor marrón

Aproveitando a xornada de feira, por outra banda, volverá instalarse na rúa Coruña, entre as 10.30 e as 13.30 horas, a carpa «Ti tes a chave», para a divulgación a pé de rúa do contedor marrón destinado ao lixo orgánico.

Festas, concertos e algunha que outra dose de baile

Hoxe • Ademais do FIOT de Carballo, do FITVI de Vilaño, da cita con Paula Carballeira en Vimianzo ou de Bercamel en Carballo, outras propostas hoxe na Costa da Morte:

Muxía • No cámping Lago-Mar, nova sesión de mercado de segunda man. A música chegará en dúas sesións, ás 12.30 con Pa feira co que temos é as 20.00 coa banda carballesa Chicharrón, que vén de lanzar traballo.

Carballo • A comisión de festas da Pilarica, no barrio do Chorís, muda a ubicación da súa festa, que pasará a ser baixo carpa ao carón dos depósitos de auga. Este domingo teñen vermú con Ángel Sevilla, JJ Compota e Laura Añón. Para a noite deixarán ás orquestras Finisterre e Assia.

A Trabe (Tella-Ponteceso) • Tamén aquí festexan a Pilarica. Sesión vermú coa orquestra Triunfo e verbena con Triunfo, Impacto e os DJ Drew Korme e DJ Bermúdez.

Malpica • Volve o baile social ao centro cívico, en horario de 19.00 a 22.00 horas. Hoxe actuará alí Mar Dávila.

Mira (Coristanco) • Seguen as festas en As Salgueiras. A música vén con Escaparate.