Convocado un novo concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas
CARBALLO
Os interesados en participar poderán enviar as súas propostas ata o vindeiro 1 de decembro
09 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Camariñas vén de facer pública a convocatoria dunha nova edición do concurso de Noveis Deseñadores, que dende hai máis de trinta anos forma parte da programación da Mostra do Encaixe, unha cita que no vindeiro 2027 se celebrará do 24 ao 28 de marzo.
O principal obxectivo deste certame, informan dende o consistorio, é «fomentar e promover a aplicación do encaixe de Camariñas na moda». Concederanse premios ás catro mellores coleccións: 2.100, 1.200, 700 e 500 euros, respectivamente.
O prazo para presentar os traballos xa está aberto e pechará o 1 de decembro deste ano, sendo preciso que os catro deseños que compoñan as coleccións conteñan encaixe de Camariñas. «Non serán aceptados os que presenten outro encaixe diferente», matiza o consistorio.
Poderán participar persoas de 18 a 40 anos que estean cursando estudos de moda, ou que, aínda estando nalgunha empresa do sector, non formen parte do equipo de deseño da mesma.
A participación poderá ser individual ou en grupo, cun máximo de tres integrantes, e a documentación deberá entregarse presencialmente na Casa do Concello, ou ben por correo certificado.