Moito para facer este sábado na Costa da Morte: tome nota

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Un dos intres de «Ictus», a peza teatral de Chévere que abre o FIOT de sala esta tarde
Un dos intres de «Ictus», a peza teatral de Chévere que abre o FIOT de sala esta tarde SABELA EIRIZ

Teatro, contos, divulgación, gastronomía, festas varias... Hai ben onde elixir para gozar deste 3 de outubro 

03 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Teatro e outras artes escénicas a cuberto préstanse para o outono, e hoxe é sábado de nova estación na Costa da Morte. As citas máis destacadas neste eido: 

Carballo • Cita ineludible co FIOT. Hoxe botará a andar con Chévere a programación de sala: 20.00 horas, auditorio do Pazo, Ictus (Anatomía de A derradeira leición de Castelao). A compañía participará antes, ás 18.00, dunha conversa con espectadores, na sala TV. A isto hai que sumar unha proposta da Rúa dos Contos: no salón social do Pazo, ás 23.00, Atenea García ofrecerá As ben dadas.

Laxe • Quenda familiar na axenda de outubro de Laxe. No salón de actos, ás 19.00, teatro con O Grúfalo. De balde.

Vimianzo • O artista Jandross Rodríguez está dende hai uns días de residencia artística na Casa da Cultura de Vimianzo. Faino ao abeiro das chamadas Residencias Paraíso do Colectivo RPM, e hoxe amosará un avance do seu traballo: 20.00 horas, acceso libre. Suksen parte da curiosidade arredor da fetichización do imaxinario popular de velar.

A Laracha • No baixo da biblioteca, ás 17.00 horas, bota a andar o Outono de Contos cun contacontos sensorial para bebés. Con Eduvía.

José Luís Rabuñal
José Luís Rabuñal ANA GARCIA

Moito para aprender en Malpica, Cee e Cabana

Hoxe • Sempre é bo momento para abrirse ao coñecemento e ao saber. Este sábado vén intenso na comarca con citas para ese obxectivo:

Malpica • Os xornalistas Belén Regueira, Xabier Fortes e Lucía Méndez, así como o escritor Juan Manuel de Prada —que inteveu en Radio Voz esta semana— participan hoxe do II Foro de Actualidade promovido en Malpica pola asociación Mallas de Area: ás 19.00 horas, no centro cívico. Pluralidade, concordia e pensamento crítico: esas serán as bases de todo canto se aborde na velada.

Cee • Avanza o programa O Mes da Fundación, da Fundación Fernando Blanco. A cita de hoxe, ás 20.30 no auditorio da Casa da Cultura, é con Diego Andrade Canosa, investigador e profesor da UDC: «Que tempo fará mañá? Supercomputación para predicir o que aínda non pasou». Acceso libre e de balde.

Sinde (Cabana) • Máis xornadas de divulgación co proxecto Sabor a Mar de APTCM. Hoxe, no centro de interpretación de Sinde, ás 10.00, falarase da riqueza ornitolóxica da comarca. O convidado: José Luís Rabuñal.

En Noicela toca hoxe gozar do polbo
En Noicela toca hoxe gozar do polbo ANA GARCIA

Gastronomía e outras festas que avivan o sábado

Cerceda • A nova edición da iniciativa Cerceda Tapea chega ao seu día de maior horario: tapas a dous euros de 11.30 a 15.30 e de 19.30 a 23.00 horas, nos locais A Taberna, A Tella, O Panadeiro, O Parque, Orlando, Rodríguez, O Pallas e A Estación.

Noicela (Carballo) • Baldaio réndese ao polbo. Na pista polideportiva da Imende, III Gran Pulpada de Noicela, con sesión vermú a cargo de La Fábula dende as 13.30 horas e tarde-noite con La Fábula e DJ Javi Eiroa.

Baíñas (Vimianzo) • Promove a comisión a súa Festa do polo á brasa, dende as 19.30 ao carón do colexio. Amenizan La Fábula e DJ Save a partir da medianoite.

Canduas (Cabana) • Festa do Chocolate na casa cultural. Con churros dende as 18.00 e con música dende as 20.00: Enxebres e D’Festa.

Coristanco • Volven os bailes sociais. Hoxe, no local de Oca, de 17.30 a 20.00, con Judith Cundíns.

Anos (Cabana) • A asociación San Estevo promove a súa Cea do Socio no local social, dende as 21.00. Cea-baile amenizada por Rocío Pérez. Unhas 170 persoas.

Arou (Camariñas) • Festexan San Roque. Pasarrúas con Jolpe de Mar (11.00), misa ás 13.00, vermú con Super Top e logo verbena.

Soutullo (A Laracha) • Festa con Nueva Fuerza e DJ Peke.