A académica Marilar Aleixandre amadriña a nova edición dos certames literarios Territorio Vákner
CARBALLO
Foron presentados onte en Santiago
24 sep 2026 . Actualizado a las 13:42 h.Dende a Carballeira de San Lourenzo, punto de partida do Camiño a Fisterra e Muxía, La Voz de Galicia e o Concello de Dumbría presentaron onte unha nova convocatoria dos certames literarios Territorio Vákner, e anunciaron tamén que a escritora e académica Marilar Aleixandre será a madriña desta edición, seguindo a estela iniciada no pasado ano por Rodrigo Costoya. «É unha honra», dixo Aleixandre nese simbólico quilómetro cero.
A autora, moi vinculada á comarca e pregoeira da última edición da Praza dos Libros de Carballo, admitiu recentemente que o seu territorio literario está na Costa da Morte, e máis concretamente en Toba, Cee, de onde é o seu compañeiro. Boa coñecedora da iconografía da fin do mundo, incluíu a figura do Vákner nunha das súas novelas infantís, A vaca de Fisterra e a trabe de alcatrán. «É un lobishome, mais eu considéroo un lobishome amigo. Agardo que nos defenda das velutinas e tamén dalgún que outro peregrino que deixa o Camiño estrado de lixo», apuntou a escritora, que aproveitou a presentación de onte para gabar esta iniciativa literaria.
Tres categorías terán os certames Territorio Vákner: para escolares de terceiro ciclo de primaria, para alumnos de secundaria e para maiores de 16 anos e adultos. Todos terán ata o vindeiro 20 de outubro para remitir os seus textos, e a eles quixo dirixirse Marilar Aleixandre para darlles algunha que outra idea sobre temáticas a tratar: «No que escribiu Mártiros [de Arzendján], falábase de que a Costa da Morte é territorio de comedores de peixe. Unha xente rara para a mitoloxía, pois, por exemplo, os heroes da épica de Homero non comían peixe. Aí vai unha idea para o certame!».