José Luís convive cunha demencia mixta: «O alzhéimer non é unha enfermidade de vellos»
CARBALLO
Relata relata como afronta o diagnóstico e como foron os primeiros avisos: «olvidos», repeticións...
22 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.José Luís Dosil Caamaño comezou hai tempo a darse conta de que tiña pequenos esquecementos, ou de que volvía reiteradamente ás mesmas cousas. Así llo dicían na casa e na súa contorna. «E non era referente a cousas de había tempo, senón recentes», explica el mesmo. Teresa Franco, a súa dona, pedíalle que se centrase. En dez minutos podía preguntar un bo número veces que se ía facer de comer, por poñer un exemplo.
El botáballe a culpa deses «olvidos» ao estrés do traballo: «Para min viña diso nun 90 ou 100 %, estaba convencido». Agora ten 64 anos, a xubilación está relativamente preto, mais as primeiras consultas ao médico de cabeceira por este asunto xa son de antes do covid, «así que isto vén de longo». De aí unha das frases que pronuncia José Luís: «O alzhéimer non é unha enfermidade de vellos. Ninguén está libre».
Por un pequeno accidente de tráfico non relacionado con esta cuestión, acabaron detectándolle «pequenos microinfartos». Nada variaba nas sucesivas probas, todo estaba sempre igual, mais os esquecementos e despistes seguían. Foron dous incidentes os que lle fixeron ver a José Luís que tiña que mirar en serio que pasaba, «que era o que me provocaba isto»: «Un foi logo de comer na casa duns amigos, que caín redondo e era incapaz de levantarme. Outro, cando me pasou o mesmo paseando co can polo monte, que é algo que me gusta moito». O estrés do traballo tamén deixou de ser «escusa» cando pasou a contrato relevo na empresa na que traballou 37 anos, como delegado comercial: «Deixou de ter que ir o 31 de marzo do 2025. O estrés laboral xa non estaba, pero o outro seguía igual», explica Teresa ao seu carón.
Recorreron á sanidade pública e á privada, someténdose a probas «aínda que non dese o patrón». Nin tensión, nin colesterol, nin sobrepeso nin vida sedentaria ou ausencia de deporte. O diagnóstico, que nun inicio pasaba por deterioro cognitivo leve, acabou sendo unha demencia mixta: demencia vascular —ten antecedentes na súa nai, xa falecida— e alzhéimer nunha fase inicial. «Que dicir? Que me cambiou a vida ao 80 %», confesaba onte José Luís. Bota de menos conducir ou saír só a pescar coa lanchiña que ten no Ézaro, mais polo momento o que non perdoa é saír de vez en cando coa bici: «Vou sempre con reloxo localizador e móbil». O máis duro: «Vou perdendo confianza en min. Vin como foi o de miña nai e pregúntaste a onde vas chegar. O que máis me preocupa é o final, sei o traballo que pasou a miña muller con ela, sei o traballo que podo chegar a dar».
José Luís é natural de Lira, en Carnota. Teresa, de Cee. Teñen a casa na Coruña, mais agora a vila da Xunqueira é morada: «Meu pai é nonaxenario, hoxe ten 96 anos e unha cardiopatía. Aínda que é autónomo, non como para vivir só. Así que cando faleceu miña nai, collín á miña sogra, xa cunha demencia moi avanzada, e fomos para a casa de meus pais», conta unha Teresa coidadora por varias vías.
Coma con súa nai, José Luís atopou en Afafes (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Fisterra e Soneira) unha vía de axuda. «Eu mercara algúns libros de actividades para que fose facendo, pero comigo nunca lle apetecía. O único era xogar ás cartas, pero isto non vai só de xogar ás cartas», di ela. El foi receptivo e agora xa hai un tempiño que asiste a actividades e fai os seus «deberes», como lle chaman: «Non podiamos retrasar máis o tratamento terapéutico».
Outra cousa, claro, é a farmacoloxía. Lamentan o que consideran falta de vontade política nesta materia ou na busca dun acordo co sector farmacéutico. Verían preciso aplicar pola Seguridade Social un tratamento «que está dando resultados en fases iniciais»: «Quen pode pagar 60.000-70.000 euros?». A economía non debería ser limitante, mais en moitos casos éo, «e xa non falemos da tramitación dunha dependencia...», pensa Teresa.
É por iso que coinciden en que se ofrecen a súa testemuña non é por outra cousa que por «visibilizar» e poñer no centro de atención o que precisan as persoas con demencia: «Se ese tratamento se pode aplicar despois ou non xa tería que velo un facultativo». Dosil referencia casos coma o seu, iniciais: «Tal vez sería posible ralentizar o avance, e por iso é tan importante falar destas cousas, e tamén destes centros como Afafes que tanto axudan».
«Se unha persoa ten unha enfermidade deste tipo non gaña nada escondéndoo»
José Luís busca coa súa testemuña unha mellora do sistema xa non para si, «senón para todos». El conta a súa experiencia para que outros na mesma situación poidan verse reflectidos: «Ás veces cando che din que non podes facer isto ou outro, reaccionas mal. Non es consciente e é algo traumático no teu día a día». Teresa Franco, a súa dona, insiste: «Se unha persoa ten unha enfermidade deste tipo, non gañas nada con escondela. O que non hai que facer disto é un tabú». É por iso que tamén participou el dun vídeo para as redes de Afafes.