Con 30 anos e 11 de autónoma, estrea novo estudo de fotografía

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Estela, no novo estudo da Praza do Recheo pontecesá.
Estela, no novo estudo da Praza do Recheo pontecesá. ANA GARCÍA

A canteira do talento | «Pola comuñón xa pedín unha cámara de fotos», di Estela Suárez. É de Corme Porto 

20 sep 2026 . Actualizado a las 23:46 h.

Estela Suárez, de Corme Porto e 30 anos, vén de inaugurar un novo estudo de fotografía na Praza do Recheo de Ponteceso. En outubro cumprirá os 31, pero xa leva once anos de autónoma, dende os 20. «Pola comuñón xa pedín unha cámara de fotos, e con 16-17, fixen varias primeiras comuñóns para xente da familia», di.

Cursou o ciclo medio de Vídeo disc-jockey e son en Santiago, e o superior de Iluminación, captación e tratamento de imaxe, na Coruña. Estela Suárez, mesmo nome que usa como marca para darse a coñecer, está especializada na fotografía infantil con numerosos cursos. Fai moitas sesións de bebés aos poucos días de nacer e, logo, un seguimento ata que chegan ao ano de vida. Tamén cubre vodas, bautizos e comuñóns, realiza unha potente campaña de Nadal e ten servizos máis básicos como as fotos de carné e a impresión de imaxes, entre outros. Ata o de agora e dende hai cinco anos, tiña un baixo alugado no seu Corme natal, pero na procura dun maior espazo chegou a mudanza para a capital pondaliana. Tamén sabe que alí é unha zona cun maior tránsito de persoas, aínda que ten clientes «de todas partes, cada vez son máis as familias», apunta.

Compaxinou os estudos co traballo dende os 18 anos. De feito, estivo contratada varios veráns para outros fotógrafos. Conta cun extenso atrezo de roupa, berces ou capotas para facer máis amables as sesións infantís. Di que o que máis lle gusta é «ser a fotógrafa da familia», cubrindo todas as etapas e momentos importantes da vida. A campaña de Nadal «é moi forte», conta: «Hai familias que veñen todos os anos». «Gústame tratar con elas e ver como van crecendo os nenos. Tratar coa xente, coñecela», engade. O seu foi vocación sen antecedente algún na contorna: «Na miña casa só había barco».

Estela saca proveito nas súas tomas do potencial da Costa da Morte: «Coas paisaxes que temos aquí, como para non aproveitalas». Faino, sobre todo, nas comuñóns. En cambio, para os máis cativos opta polo seu estudo, para un maior control da iluminación, e para dispoñer de máis servizos para temas de vestiario e descanso.

É este un sector que vai coas tendencias. Así, agora, por exemplo, nos eventos de celebración familiares xa non é tan común regalar «o típico cadro», senón que hai outras maneiras de facelo coa foto impresa en material PVC, explica. Nos enlaces matrimoniais, tamén cada vez lévase máis o formato dixital e non tanto o álbum ou cadro, moi ao pesar de Estela, a quen lle parece que «mandar un correo ou dar un pendrive [memoria USB] perde chicha». Pero é un cambio derivado das redes, indica, polo motivo de subir o material a esas plataformas, mais «porque a xente non quere poñer cousas na casa». Do mesmo xeito, as prevodas xa non están tan en auxe, segundo a autónoma. E as posvodas «dan pereza» polo feito de que os noivos deben volver a preparase coas súas mellores galas. Isto deriva en que o tipo de instantáneas que se realicen nestes eventos pase a ser doutro estilo, «roubadas». «Por iso sempre levo un compañeiro comigo. E as fotos de grupo interminables cada vez tamén se fan menos», sinala.

ANA GARCÍA

Cando varios eventos se lle solapan, contrata persoal. Para este mes de setembro aínda lle quedan vodas. Suárez atopou un nicho de mercado no seguimento dos bebés: «Por esta zona non hai moito». Aínda que é un traballo «peliagudo», así o define, pois o ideal é tomar esas primeiras fotos con oito ou nove días de vida como máximo «para que non perdan a postura de dentro da barriga da nai». «É responsabilidade porque se os pais son primerizos e lle andas colocando ao pequeno, asústanse. Mais hai que ter moita calor para manterlles a temperatura», explica. Unha tendencia importada, di, foi a de tomar fotos con decoración e vestimenta de Nadal.