Convocado o primeiro certame de regueifa O Atrevido de Grixoa: será en novembro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ARQUIVO FAMILIAR

Varios improvisadores de Bergantiños estarán na homenaxe a José González Muíño, falecido hai 25 anos

19 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A regueifa tamén xermolou nos límites de Bergantiños e Xallas, tan parecidos que ata hai un Esternande en Couso (Coristanco) e outro ao lado en Grixoa (Santa Comba). De aí era José González Muíño, O Atrevido, que faleceu o 17 de agosto do 2001, hai 25 anos. Esta efeméride vai ser lembrada dentro de dous meses, en principio o 21 de novembro, co primeiro certame de regueifa O Atrevido de Grixoa. Incluirá un roteiro, se o tempo o permite, polos lugares que formaron parte da vida do atrevido. Este acto está organizado pola asociación Grixoa de Esternande-Minas de Varilongo, e o lugar escollido é o multiusos xalleiro. Aínda que non está todo pechado ao 100 %, os artistas convidades son Jessica, Antonio de Xornes, Suso de Xornes, Alberto Liñares, Xairo de Herbón e Lupe Blanco. Tamén haberá unha actuación de O Leo i Arremecághona, de Vigo, segundo explica Xosé Abelenda, sobriño do homenaxeado e portavoz da entidade organizadora. Indica que a modalidade do certame será a bergantiñá, moito máis expresiva, libre e directa ca outras.

Será tamén un bo momento para ver as intervencións de Suso e de Antonio de Xornes, que nalgún momento regueifaron co Atrevido, igual ca con outros da zona que xa non están, como Blanco de Muiñoseco, que ademais era parente de Lupe. Do Atrevido ata se escribiu un libro, Regueifa dunha vida, sobre a súa traxectoria persoal e sobre todo artística.