Cómpre modernizarse, abrir as portas e evolucionar

Pablo Rico O FARO

CARBALLO

Pablo Rico Echegarey presidió la Federación de Corales Gallega. Hoy dirige 8 coros
Pablo Rico Echegarey presidió la Federación de Corales Gallega. Hoy dirige 8 coros

Galicia ten unha tradición coral viva: así está o presente e estes son algúns dos retos de futuro 

13 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia ten unha tradición coral viva. Coral é un termo amplo: ás agrupacións polifónicas hai que sumar os coros parroquiais e os coros galegos. Podemos falar de máis de 300 agrupacións e de milleiros de persoas vinculadas ao canto coral. Dirixo oito coros, curso Dirección de Coro e Orquestra e fórmome en xestión cultural. Esa experiencia e a miña etapa en representación do sector coral galego [presidiu Fecoga] permítenme identificar un problema común: o envellecemento e a falta de relevo xeracional. A pandemia agravou unha tendencia previa, pero non creo que a explicación sexa a falta de compromiso da mocidade. Se queremos incorporala, tamén debemos preguntarnos que lle estamos ofrecendo. Preservar o repertorio tradicional é imprescindible, pero non pode significar quedar ancorados nel. Nos meus coros combino patrimonio galego con arranxos e músicas actuais. No Coro Xuvenil de Lugo, por exemplo, cantamos Melendi ou Aitana, e a resposta demostra que hai interese cando a proposta conecta coa realidade dos mozos. O mesmo sucede coa imaxe e coa comunicación: se unha coral non está en Instagram ou TikTok, para boa parte da mocidade non existe. Tamén cómpre revisar a imaxe escénica e códigos estéticos que ás veces resultan alleos ás novas xeracións. Nós apostamos polos reels para mostrar que un coro pode ser moderno, divertido e unha actividade viral nas redes sociais.

Hai que adaptar tamén os ensaios ás novas formas de vida. A mocidade estuda, traballa e desprázase; con flexibilidade, repertorio atractivo e proxectos ilusionantes, aparece o compromiso. O Festival de Primavera de Voces Xoves de Lugo demostra, por exemplo, que hai futuro para os coros de xente moza cando se crean espazos para visibilizalo. Tamén precisamos estruturas asociativas máis áxiles. Na miña etapa con responsabilidades federativas apostamos por aumentar recursos e por unha proxección dixital inédita do canto coral. Ese camiño non pode deterse. Hai directivas envellecidas con barreiras para tramitar subvencións ou relacionarse dixitalmente coas Administracións, e iso pode traducirse en oportunidades e financiamento perdidos. Así, o relevo xeracional tamén debe chegar á xestión.

Na provincia de Lugo, finalmente, percibo un apoio importante de concellos, Deputación e a Delegación da Xunta, aínda que a realidade é desigual segundo o territorio. Un coro é moito máis ca cantar: é encontro, amizade, participación cultural e diálogo entre xeracións. Esa interxeracionalidade é a gran oportunidade. Conservar a esencia non significa permanecer inmóbiles: cómpre modernizarse, abrir as portas e evolucionar.

Pablo Rico Echegaray (Lugo, 2001) é graduado en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, con máster en Formación do Profesorado, e docente en secundaria de Tecnoloxía. Saxofonista e pianista polo Conservatorio lucense, dirixe 8 coros, cursa estudios superiores de Dirección de Coro e Orquestra e dous máster, en Xestión Cultural e en Cidade e Urbanismo.