Un paseo pola evolución desta festa e o reto de recuperar esencia no novo século
12 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A romaría da Barca naceu cando na Idade Media se construíu a primeira capela no lugar das Cruces, no extremo norte da península de Muxía, a iniciativa dos monxes do mosteiro de Moraime, coa intención de cristianizar un espazo sagrado de antigos cultos relacionados coa fertilidade.
Son varios os viaxeiros foráneos que ao longo do século XV se achegaron á punta da Barca e deixaron constancia da súa presenza e da lenda que fai referencia á chegada da Virxe nunha barca de pedra a este lugar, o que indica que por esta época o santuario e o culto a esta Virxe xa transcendía as fronteiras de Galicia.
A comezos do século XVII o cóengo visitador Jerónimo del Hoyo, cando fai alusión á capela da Barca di: «Donde dizen hay gran concurso en todas las fiestas de Nuestra Señora». Esta sería a primeira referencia á romaría da Barca, e nela destácase a gran afluencia de romeiros que acudían os días da súa celebración.
Nas primeiras décadas do século XVIII, será cando se produce un cambio substancial neste santuario coa construción dun novo templo grazas ao apoio económico dos condes de Frigiliana e de Maceda, que ademais de custear a construción do edificio, tamén sufragaron o retablo maior e o lateral dedicado ao Apóstolo Santiago. A nova edificación barroca, de maiores dimensións que a anterior, supuxo un aumento na chegada de romeiros nos días da festividade. Por iso o arcebispo Luis Salcedo no ano 1720, diante desta concorrencia ordena que «a vista de esta Hermita no se baile, cante ni toquen panderos y que sus puertas se cierren al ponerse el Sol sin permitir que persona alguna pernocte dentro de ella», o que pon de manifesto que os días da festa, moitos romeiros pasaban a noite nos arredores do santuario bailando e cantando. E dicir, que hai máis de trescentos anos a Barca xa era unha gran romaría, á que acudía xente de toda a contorna e tamén de fóra.
Á gran concorrencia a esta romaría tamén fai alusión o avogado muxián Luciano Roa no ano 1863, nun libro dedicado a este santuario. Segundo el, había tanta xente en Muxía que: «Todas las casas de la villa son posadas, y a pesar de eso, la gente inunda las calles, la plaza, el camino al Santuario y el atrio de la capilla».
O escritor baiés Labarta Pose, nun conto sobre esta romaría (1903), un dos seus personaxes, Farruco, conta que esta festa «é a máis sonada de cantas hai na nosa terra», e chámalle moito a atención o fogos de luces que se botaban a noite do sábado.
Nos anos vinte do pasado século comezan a intervir nas festas as bandas de música, que alternaban a súa actuación coa dos gaiteiros. Bandas coma a de Corme, a da Ponte do Porto ou a de Negreira, participaron en moitas ocasións nesta romaría. A partir dos anos cincuenta, fan presenza as orquestras. Nun principio, contratábase unha banda e unha orquestra para os tres días de festa, mais isto non impedía que grupos de romeiros cantasen e bailasen polas rúas, sobre todo a noite do sábado. Moitos deles traían instrumentos que lle permitían facer a súa propia festa.
As décadas dos anos setenta, oitenta e noventa, foron momentos de esplendor da romaría: contratábanse varias bandas de música, orquestras, grupos de gaitas e charangas, para os distintos días, e incluso algunha atracción musical relevante, sen que a festa perdese a tradición de romaría que sempre conservou, esencia que se foi esvaecendo coa entrada do novo século e que se sería preciso recuperar.