O conselleiro de Cultura, José López Campos, foi un dos presentes este martes 8 na romaría de Caión
08 sep 2026 . Actualizado a las 18:47 h.A romaría dos Milagres de Caión, coma outras da Costa da Morte, nútrese de moitas motivacións persoais. Tantas como as de cada alma que acode, faga calor, faga vento ou chova como choveu este martes 8 de setembro. Por volta da unha da tarde, hora da misa solemne, seguían os camiños plenos de xente, moza e maior, baixo paraugas, chuvasqueiros ou sen nada. Non poucos lamentaron a «pena» do tempo neste día grande, mais sempre hai quen lle dea a volta a ese pensar: «Para min o tempo foi fabuloso. Gústame a auga, facía falta e ademais agradecín por iso», contaba José Luís Piñeiro, de Feáns (A Coruña). Aos seus 67 anos, peregrina a pé a Caión dende hai xa uns corenta, herdeiro dunha promesa que comparte a súa dona: «Sufriu un accidente moi grave de pequena, súa nai fixo esta ofreza, ela continuou con ela e dende que empezamos a andar xuntos alá vou para seguir cumpríndoa eu tamén. Ela aínda traballa, así que vai cando pode». E así o seguirán a facer «se Deus dá forzas», e para dar grazas: «Estou moi agradecido por ter o que teño, síntome un afortunado». Tan só botou en falta liña de volta en autobús, un servizo que ten usado anos e anos: «Non se entende que non o haxa».
José Luís, como tantos outros que se desprazaron este 8 de setembro a Caión, viuse sorprendido pola carpa ás portas do santuario, agradecida por moitos: «Nos anos que teño memoria nunca algo así vira», di referíndose á infraestrutura. Foi baixo ela que puido levarse a cabo unha pequena procesión logo dunha eucaristía central, pese ao tempo ben concorrida. Entre os asistentes, o conselleiro de Cultura, José López Campos, reforzando coa súa presenza o simbolismo desta romaría declarada de Interese Turístico de Galicia. «A carpa foi unha axuda moi grande», concordaba a edila Patricia Bello. Ela foi das que chegou andando ata o santuario, «enchoupada» e con inicio de camiño na Laracha. É evidente que a choiva botou para atrás a algún romeiro, «un día case invernal», mais como ela incide, hai que ter en conta que os oficios polos Milagres de Caión continúan ata este vindeiro domingo 13.
Na vila botaba a andar tamén este martes o programa lúdico promovido dende a comisión de festas, neste caso xa na praza Eduardo Vila Fano, onde a orquestra Fuego dinamizaría unha sesión vermú á que tamén se desprazou López Campos guiado polo rexedor, José Manuel López Varela. Unha cousa e a outra nutren estes Milagres, ao igual que as citas para os pequenos. Sumaba o Concello ao programa o espectáculo Monifates, refuxiado no centro sociocomunitario polo mesmo motivo: o tempo.
Este mércores, no santuario, haberá misas ás 10.00, 11.00, 12.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas. Nova oportunidade, e segundo as previsións, semella que cunha destacada mellora da meteoroloxía.