Muxía, Fisterra e A Milagrosa abren as súas festas máis grandes

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O santuario da Virxe da Barca de Muxía acolleu onte, xoves, o primeiro día da novena previa á romaría, con nutrida asistencia. Bendiciuse a nova coroa de a diario da virxe e actuou a coral polifónica Costa da Morte, de Cee, dirixida por Isidro Caamaño.
O santuario da Virxe da Barca de Muxía acolleu onte, xoves, o primeiro día da novena previa á romaría, con nutrida asistencia. Bendiciuse a nova coroa de a diario da virxe e actuou a coral polifónica Costa da Morte, de Cee, dirixida por Isidro Caamaño. ANA GARCÍA

A coral Virxe da Barca actúa hoxe á beira do santuario e na Milagrosa terán sentido pregón «in memoriam»

04 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Deu inicio onte no santuario da Virxe da Barca a novena previa aos días grandes da romaría. Haberá misas cada día ás 09.00 e 19.00 horas. Dáse por iniciada así a conta atrás a unha cita que ten o título de Interese Turístico Nacional —a única da Costa da Morte— e que cada ano, dende hai moitos, moitos, leva a milleiros de persoas a sumar pasos cara Muxía. Nos oficios relixiosos deste xoves quedou bendicida, ademais, a nova coroa de diario da Virxe. Nesta conta atrás, o Concello sumará pola súa banda actividades coa Semana Cultural Ecos da Barca: bota a andar hoxe mesmo, co concerto ás 20.30 horas da coral Virxe da Barca, no exterior do templo. As misas de onte foron cantadas pola polifónica Costa da Morte, con sede en Cee. 

«As máis importantes»

En Fisterra, hai xa días que se vén celebrando a novena a Santa María das Areas, patroa. É hoxe, de feito, a derradeira xornada, con rosario ás 19.30 e misa ás 20.00 presidida por Miguel López Varela, delegado de Catequese e Catecumenado de Santiago. Na fin do mundo, con todo, hai tamén un comezo, pois este venres botan a andar as actividades festivas con triplo motivo: O Carme (mañá), San Roque (domingo) e Santa María das Areas (martes). De todas elas falou onte en Radio Voz Felipe Castro, parte da comisión de festas: «Para nós son as máis importantes, xunto con Semana Santa, e xa hai que ir pensando nas do ano que vén, que a Semana Santa virá adiantada».

No aspecto de celebración, hoxe será noite de véspera, coa verbena a cargo de Assia e Full. Serán cinco xornadas intensas que chegan logo dun verán pleno de xente nesta fin de Camiño: «Agora que comezou setembro xa baixou algo, pero en agosto non había por onde andar aquí», describía Castro. Coas celebracións que teñen para a fin de semana todo apunta «a que tamén virá máis xente».

E por Carballo, no barrio da Milagrosa, xa hai días que estouran as bombas de palenque. É símbolo da conta atrás. Logo da velada de cine onte á noite co filme Rondallas, inician tamén aquí os seus tres días máis grandes.

Unha familia moi querida

A pólvora fará acto de presenza este venres ás 12.00 horas, anunciado unha xornada ben especial, pois será a do pregón. Un discurso, ás 21.00 horas, in memoriam do veciño José Fraga Serrano, Che de Bastián: «Será un homenaje muy emotivo y muy merecido, a una familia muy presente en el barrio y que yo al menos quiero mucho. Será su nieto pequeño, Pablo, quien se encargue de ese pregón, al que contamos que venga mucha gente», explicaba onte en Radio Voz Patricia Liñares dende a comisión de festas. Chegará logo a primeira verbena, a cargo da orquestra Fania Show e a discoteca Impacto co DJ Bermúdez, que ademais é veciño do barrio: «Jugamos en casa». E por riba, haberá bo tempo!

Vaia tomando nota...

La procesión marítima de Fisterra, en imagen de archivo
La procesión marítima de Fisterra, en imagen de archivo BASILIO BELLO

A procesíon do Carme, por mar. Fisterra é unha das vilas mariñeiras por excelencia da comarca. A Virxe do Carme será honrada mañá con misa na lonxa ás 11.30 e despois procesión marítima. Ofrenda floral e Salve mariñeira.

Campionato de futbolín en Fisterra, en imaxe de arquivo
Campionato de futbolín en Fisterra, en imaxe de arquivo TERESA BUA

Campionato de futbolín, dez anos. Na terra do inventor do futbolín, Alexandre Finisterre, non podía faltar un campionato. Van xa dez edicións, e será o día da patroa da vila, o vindeiro martes 8, a partir das 18.00. Inscríbase!

Campionato de carros de bolas na Milagrosa, en Carballo
Campionato de carros de bolas na Milagrosa, en Carballo BASILIO BELLO

A polos mellores nos carros de bolas. Un clásico nas festas da Milagrosa, este ano algo máis tarde en horario, ás 19.00 de mañá. Será o Campionato de España de Baixada de Carros de Bolas. Unha cita para gozala en familia.  

Procesión sobre alfombras florais na Milagrosa, en Carballo
Procesión sobre alfombras florais na Milagrosa, en Carballo ANA GARCIA

A procesión sobre as alfombras florais. Outro símbolo da Milagrosa en Carballo, as alfombras florais que comenzarán a confeccionarse mañá ás 16.30. O domingo, trala misa das 12.30, será a procesión sobre elas. Día grande.