«Rondallas» no barrio carballés da Milagrosa e outras citas para hoxe na Costa da Morte
CARBALLO
Medio ambiente ou etnografía chegan dende o municipio da Laracha, con propostas en Caión e Golmar
03 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Ademais das Xornadas «Carballo na memoria» e outras citas previstas na capital de Bergantiños ou en Muxía, a axenda deste 3 de setembro tamén trae á Costa da Morte estas paradas:
A Milagrosa (Carballo) • Entre o venres e o domingo terán lugar as festas de barrio, mais a celebración xa se empeza a encarrilar hoxe cunha Noite de Cine, a derradeira oportunidade para gozar deste ciclo incluído no programa municipal Ondas Culturais. Ás 21.30 horas, na pista polideportiva situada detrás da capela da Milagrosa proxectarase nada menos que Rondallas, todo un fenómeno cinematográfico dos últimos tempos, e ademais con protagonista de Corcubión, Judith Fernández. O filme, dirixido por Daniel Sánchez Arévalo e co popular Javier Gutiérrez como outro dos protagonistas, ten tintes de comedia e drama. Un pobo que se une para recuperar a rondalla local logo dunha tráxica circunstancia.
Golmar (A Laracha) • Avanza o programa municipal Moendo en setembro, no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte. Previa inscrición, de 10.30 a 13.00, levarase a cabo un obradoiro infantil, Muíño Fest, dirixido a nenos de 5 a 12 anos.
Caión (A Laracha) • O programa ambiental O mar de Caión e o plástico: reflexións dende a praia botará o peche hoxe co terceiro obradoiro no centro sociocomunitario: 11.00. Leva por título Ilustrando especies en perigo. A través da acuarela, afondarase no coñecemento e observación da vida mariña galega.