Ortiga: «Este agosto estiven unha semana en Razo preparando o novo disco»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ortiga namorou en Caión co seu concerto, dentro do ciclo Nordés. A noite refrescaba.
Ortiga namorou en Caión co seu concerto, dentro do ciclo Nordés. A noite refrescaba. BASILIO BELLO

A Remollo | Este verán é o de máis traballo para o artista, pero a Costa da Morte é o lugar que escolle para bañarse

30 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Detrás de Ortiga, un dos músicos que está revolucionando o novo panorama galego, está Manuel González (Santiago, 1994). Veráns, A nosa verbena, As mociñas e Papá & mamá son só algúns dos seus temas máis coñecidos. Quizais moitos non saiban que estudou Fisioterapia, nin que antes de actuar o pasado xoves en Caión estivo, días atrás, na cafetería Colón de Carballo. ¿Casualidade? E a noite pasada fixo pleno cun novo concerto en Corme.

—Que tal foi a cousa por Caión?

—Pf! Moi ben, a verdade, porque nunca estivemos por alí e o sitio é precioso. Ademais, a xente estivo entregadísima. Nada máis que pedir.

—Uns días antes deixouse ver por Carballo.

—Este agosto estiven unha semana en Razo preparando o novo disco. É dos últimos momentos que teño para traballar. Tiña que encerrarme un pouco. Había unha casa libre e fun a facer aí cancións para inspirarme, aínda que tampouco saín moito da casa porque tiña bastante curro. Razo coñecíao de oídas por unha colega e tamén é incrible cunha praia enorme, mais chamoume moito a atención que o sol non se pon sobre o areal, senón que o fai polo monte.

—Na capital de Bergantiños xa actuou nun San Xoán.

—Teño moi bos recordos porque o pasara xenial e mais estivera con algún colega que había tempo que non vía. Ademais, Carballo é un sitio que mola moito.

—Cando imos poder coñecer o álbum? Haberá algunha colaboración?

—Vai ser para o ano. Pouco me queda xa. Este igual saco algunha canción. Algunha colaboración hai. Fágoas coas bandas que me gustan.

—Este agosto fixo pleno na Costa da Morte coa actuación deste sábado en Corme.

—Alí tampouco estiven [dixo na previa]. Sei que hai moi bo percebe, pero teño moitas gañas porque tamén está 9Louro e, como fixemos a canción de Veráns, que está funcionando tan ben, a ver se a cantamos xuntos. Faime moita ilusión que este tema que está escoitando todo o mundo sexa con 9Louro porque, aparte de que é un rapaz marabilloso e un artista que flipas, acaba de saír moi xoven e pode facer moitas cousas coa nosa cultura e o noso idioma. Que me escollese a min é unha honra.

—A Costa da Morte non lle queda moi lonxe de Santiago.

—Teño moitos amigos no Pindo, en Louro, en Muros... É a zona que máis visito no verán para bañarme. Tamén me mola moito A Mariña lucense.

—É das épocas do ano que máis lle gustan? Na que máis traballo ten, iso seguro.

—Dar concertos par min é o máis divertido de facer música e, entón, no verán, estou pletórico. Ten tamén a parte de que todo o mundo queda e comen xuntos e eu sempre estou nalgún punto de España, pero moi a gusto, a verdade. Para min é a mellor parte do ano.

—Sorpréndeme que me atenda pola mañá, despois dun concerto. Aproveita os días!

—Totalmente. Estamos de camiño a Guadalajara, xa levamos espertos unhas horas. Pero polo xeral, gústame espertarme pronto.

—Xa vexo que está a tope. Tivo tempo para desfrutar algo, a maiores?

—A verdade é que non moito. Estiven un par de días entre comiñas de vacacións en Menorca, pero porque tocaba alí e fun antes. Tamén estou producindo música para outra xente, entón, este verán seguramente foi o que máis traballei na miña vida.  

—Vostede é un fanático da verbena.

—Vou a bastantes menos das que me gustaría! Pero polo menos sempre coincido con algunha orquestra nalgún evento e aproveito para facer o ocio aí. Teño moitas gañas de coincidir cos Satélites, que son os meus favoritos.

—Para vostede, a casa de seus avós en Carballedo, Lugo, é un refuxio. Segue indo a miúdo alá?

—Si, de feito, agora mesmo, teño alí unha especie de estudo, e é onde fago gran parte dos traballos. Estou ligadísimo, case todas as semanas. Como teña moito traballo, xa me mudo.

—Este domingo está de aniversario: 32 primaveras. Parabéns! Fará algo especial?

—Tocar en Escairón [risas].

Máis de preto  

Pegouse algunha boa festa na Costa da Morte? Máis de unha e as que quedan! Hai unha, a do Furón, en Muros, que é tremenda.

Ten algún lugar especial na zona? Louro é bastante máxico. Gústame que é un pobo pequeno e que nunca está masificado. Os autóctonos están por alí, escoitas xente falar en galego.

Probou os percebes do Roncudo? Estou desexándoo! Teño que ir á Festa do Percebe. Eu para todo o que sexa comer teño un talento incrible.

E o longueirón de Fisterra? Por desgraza non, pero tamén soa xenial.

Cal é a fervenza máis famosa da comarca? Home, será O Ézaro. O meu corista é do Pindo. Se tes sentimentos, iso ten que gustarche!

Quen escribiu o Himno de Galicia? Eduardo Pondal. Sabe que naceu en Ponteceso? Aínda está a casa alí. Ai si? Ostrá! Pois igual hai que facer unha visita!

Onde está o Cemiterio dos Ingleses? Bf, iso aínda mo dixeron o outro día. En Camariñas. Efectivamente. Estiven na Mostra do Encaixe o ano pasado. Fun con meus pais comer, e tamén fomos a Camelle ver a obra de Man. Fora de pequeno e foi algo que sempre me quedou aí, paréceme incrible.

Coñece a Praia dos Cristais de Laxe? Non.

E a catedral do megalitismo galego? Pois tamén me quere soar. Dombate.