O mundo non acabou co eclipse do outro día. A xente segue tendo que erguerse cedo para ir traballar. As dietas de despois das festas seguen en pé. E seguirás tendo que pagar a hipoteca. A única diferenza entre ese día e outros está nesas lentes de cartón que gardamos no caixón.
Aínda que algúns decidiron aforrar ese euro e medio e, a modo de curiosidade, da nosa recente visita ao oftalmólogo soubemos que houbo consecuencias.
Mirar un eclipse sen a protección adecuada foi o equivalente a xogar á ruleta rusa coa retina. Un decide que ese é o momento ideal para fixar a mirada nunha gran bóla de lume usando unha vella radiografía, unhas lentes para o sol mercadas no mercado dominical de Cee ou, directamente, fiándote na bondade cósmica mentres o sol frixe o ollo sen avisar. Coa semi escuridade (na miña ignorancia, eu levei unha pequena decepción imaxinando unha escuridade total que na nosa zona non se deu, por moito que algúns aseguren que si), a pupila ábrese feliz e éntralle máis radiación como agasallo. Ao día seguinte, intentas ler o Whatsapp e descobres unha mancha fixa no medio da pantalla, ou que ves as cousas deformadas. E aí xa só queda cruzar os dedos agardando a que a cousa mellore e tamén aprender a lección para a posteridade: se as lentes non teñen aspecto de manualidade feita por un neno de Educación Infantil, non serven.
Aínda que o truco definitivo é mirar unha foto e xa está. O sol leva aí miles de anos facendo sempre o mesmo; non vai cambiar só porque saiamos a miralo á terraza con cara de pasmado.