O Espazo Garabato aposta pola creación artesá consciente e sostible

M. López, A. Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Mon Lendoiro, no espazo habilitado para a mostra
Mon Lendoiro, no espazo habilitado para a mostra R. G. Cousido

Dende o pasado sábado, e ata o 8 de setembro, pezas de distintos creadores estarán expostas e á venda neste espazo artístico de Carballo

25 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 8 de setembro • O Estudo Garabato de Carballo, liderado por Mon Lendoiro, acolle dende o pasado sábado a súa primeira feira de artesanía, un encontro coa «creación feita a man» e a «produción consciente». Estará dispoñible ata o vindeiro 8 de setembro e contén pezas de creadores como Refugallo Zero, Xeitosas, Charo Creaciones, Mimos by Eva, Son Artesana, Dípataca, Cristina Castro Ilustraciones, Santi Picos, Ramón Lema, Isabel Soutillo, Maribel Castiñeira Varela e o propio Mon .

Xoiería, cosmética, artigos de utilidade... Unha selección coidada, mais non excesivamente abundante, para que quen pase polo espazo e se decida a mercar, o faga de xeito consciente. Segundo expuxo o propio Lendoiro en Radio Voz, esta iniciativa é tamén unha aposta pola sustentabilidade, por rachar co consumismo baleiro.

Ademais, a propia montaxe da feira foi, dixo Mon, unha viaxe á infancia: «Como cando xogabamos de cativos a montar a nosa propia tómbola», expresou. Así, na escenografía cobran protagonismo caixas de froita que eles mesmos pintaron e adecuaron para a ocasión. 

A idea de habilitar durante o período estival un recuncho artesán no Espazo Garabato xurdiu a raíz da participación na Tarde-Noite no Medievo de Riobó. «Adoitábamos ir con pezas alí, pero levábamos dous anos que, por distintos motivos, non podíamos, así que decidimos traelo para aquí», indicou Lendoiro.

Logo da inauguración, celebrada o pasado sábado con sesión vermú incluída, a feira poderá visitarse de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas, e os sábados, só pola mañá.

Imaxes de Xesús Búa, en Vila Nova de Gaia

Do 31 de agosto ao 30 de setembro • O fotógrafo muxián Xesús Búa participa na exposición colectiva preparada pola asociación cultural iNstantes (Portugal) con motivo do cincuenta aniversario da empresa Cimaca, especializada en materiais de construción.

Se puderes olhar, vê é o título da mostra, que se poderá visitar na sede da compañía en Vila Nova de Gaia (Rúa 5 de Outubro, 3300, Avintes) e na que, xunto ao muxián) tamén participarán outros fotógrafos de distintos países como Biserko Fercek (Croacia), Henrique Zorzann (Brasil), Margarita Mejía (Colombia), Tatsuo Suzuki (Xapón) e Daniel Lopes, Filipe P Neto, Luís Câmara , Óscar Valério , Paulo Silva e Pereira Lopes (Portugal).

«Sempre un gusto ter tan boa compañía», expresou o muxián Xesús Búa logo de anunciarse a exposición.

Josecho González levou a súa arte ata Oporto

Segue consolidando a súa carreira artística o creador carballés Josecho González, que tras participar en distintas exposicións colectivas ao longo da súa traxectoria, este verán tivo a ocasión de presentar no país veciño, e desta banda de xeito individual, a súa pintura.

Silêncios Geométricos? levou por título a mostra que durante as tres primeiras semanas de agosto tivo na Catapulta Gallery, un espazo expositivo situado no distrito artístico de Oporto.

Segundo explicou o propio artista, para tan especial ocasión presentou unha selección de obras nas que despregou o seu peculiar universo creativo. Nos seus cadros, a xeometría convértese en linguaxe, e a cor, en protagonista.

Para o autor, esta mostra supuxo un recoñecemento a un camiño construído pouco a pouco, a través de anos de traballo e esforzo.