O milagre do Couto está na súa xente «co corazón moi grande»

Nicolás pose REDACCIÓN / LA VOZ

CARBALLO

As Festiletras pecha a súa 44 edición sentando as bases para medrar aínda máis

24 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«O Couto é unha aldea pequena cun corazón moi grande». Con esta frase de Lola do Grelo, veciña de Ponteceso e que leva como voluntaria nas Festiletras os 44 anos de vida do festival, podería tentar darse unha explicación ao milagre que fai que un lugar de 60 residentes realice un festival multitudinario na mesma eira dalgunhas das casas. «Somos veciños e vivímolo case mellor que o día do patrón», engaden outros dos centos de voluntarios de todas as idades implicados en facer funcionar o evento.

«A xente di que é un milagre pola actividade cultural continuada», comenta o presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela, pero advirte que «a fórmula máxica non é chegar e encher, hai que deseñar un proxecto, marcar un rumbo e avanzar pouco a pouco». Agora, pecha esta edición «máis optimista que hai anos», grazas á «nova aldea que está nacendo implicada», en referencia ás múltiples casas que se renovaron no Couto nos últimos anos.

Varela asegura ter a sensación de estar sentando as bases para medrar aínda máis e transmitir o «efecto Festiletras» a outras aldeas de Galicia para impulsar o seu rexurdir. Ademais de que considera que as institucións comezan a «crer no noso proxecto» pero, «que nos falta?», pregúntase: «Facer que as nosas agras produzan e se aposte polo desenvolvemento rural», contesta. Polo pronto, Varela asegura que dende a fundación traballarán por «non deixar de facer cousas para que o lume non se apague», e agradece o traballo do gran número de persoas que «lle teñen cariño á causa».

Concertos adiantados

Pecharon a edición deste ano a sesión vermú de Mondra e os concertos de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre —todo un habitual desta cita como artista, mestre de cerimonias ou como parte do público—, Neomak e Terrae, que tiveron que adiantarse para comezar ás 18.00 horas por mor das previsións meteorolóxicas. E que se sumaron ás actuacións doutros grupos como Do Rivés, Pan Sen Fron ou Mamá Cabra, entre outros. Feira de artesanía, xogos tradicionais con Miudiño, talleres artísticos e literarios con Concha Blanco ou María Canosa, animación de rúa e «pasacabanotes» con agrupacións tradicionais completaron a xornada.

Como novidades este ano, as Festiletras incorporou a interpretación en lingua de signos nos seus espazos. As intérpretes de Entresignos acompañaron os talleres de creadores e ilustradores que foron pasando polo espazo da Eira das Letras. Ademais de contar cun obradoiro propio a cargo de Miriam Alles, «para facer da cultura un espazo máis accesible e participativo». Na Eira da Fundación, onde este ano se realizaron os concertos principais habilitaron unha zona reservada para garantir que as persoas con mobilidade reducida puideran gozar dos concertos con comodidade e visibilidade.

Xosé Regueira recolleu o galardón das mans do presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela, e do alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato
Xosé Regueira recolleu o galardón das mans do presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela, e do alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato BASILIO BELLO

Xosé Regueira, recoñecido como Bo e Xeneroso de Honra 2026 das Festiletras

As Festiletras recoñeceron nesta edición ao vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, co premio Bo e Xeneroso de Honra, unha distinción que se vén entregando nas últimas edicións do festival. Con este galardón buscan recoñecer o «labor a prol da lingua, da cultura e da identidade galegas» do político carballés.

«Hai persoas que fan país desde a palabra, o compromiso e a xenerosidade cotiá. Xosé Regueira é unha delas», sinalaron dende a organización das Festiletras como xustificación do galardón e queren agradecer así «tantos anos de defensa da lingua, da cultura e dunha Galicia orgullosa de si mesma», ao tempo que recoñecer a alguén que «nunca deixou de camiñar ao lado desta aldea e deste festival» e que a súa presenza xa «transcende o apoio institucional e convértese nun vínculo persoal coa celebración da cultura galega».

No seu discurso, o vicepresidente provincial agradeceu o recoñecemento e asegurou que o recolle «non só en nome propio, senón no da administración que realmente leva apoiando durante estes anos as Festiletras». Sinalou tamén que considera o festival como «unha pequena grande milagre» e que, con este galardón depositan unha «carga» que lle engade «unha enorme responsabilidade». Xosé Regueira salientou que, para unha aldea coma O Couto sería «moito máis fácil montar unha verbena» e agradeceu o esforzo por converter as súas eiras e camiños «nunha referencia nacional de celebración das nosas letras, da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa identidade».

Miguelanxo Prado

O sábado tamén foi distinguido como Bo e Xeneroso de Honra o debuxante e ilustrador Miguelanxo Prado. Que destacou, mentres sostiña o busto de Pondal, a importancia de ser, ante todo, boa persoa. Durante o seu breve discurso, Prado lembrou ao arquitecto ceense Domingo de Andrade e ás múltiples testemuñas que falaban do seu bo carácter e trato.

A organización das Festiletras escolleu á súa figura por «levar o nome de Galicia por todo o mundo sen esquecer as súas raíces» e, ademais de pola calidade dos seus debuxos, por ser unha persoa «xenerosa que entende a cultura como un lugar de encontro, de beleza e de esperanza».

A variedade e a implicación, o que máis gusta aos visitantes

A presenza das Festiletras tamén medra grazas ao Couto fóra de Galicia. É o caso de dúas amigas, ambas chamadas Arantxa, que asisten dende Pasaia e Donosti. Tiveron coñecemento do festival por unha amizade común, emigrada no País Vasco e que lles falou deste evento. «Hemos alucinado con la organización y la implicación de todo el pueblo y de los jóvenes», comentan da que é a súa primeira vez en Ponteceso.

Descubrimento tamén o que fixeron Remy e Paco, que xa tiñan viaxado pola zona pero nunca coincidiran cas Festiletras. Decidiron asistir recomendados por unha oleira de Buño e valoran, sobre todo o «reivindicar as tradicións» e a variedade de eventos que ofrece o festival. A combinación de elementos é tamén o que fascinou a Raúl Gómez e Sara Carrasco, que viñan de Madrid buscando desconectar da cidade e descubriron as Festiletras no seu camiño.

Máis de corenta artesáns

Polas rúas do Couto repartíronse os postos de máis de corenta artesáns. Entre eles os cesteiros Manuel Moreira, de Canduas, José María Lista, de Malpica, Alfonso do Briallo, de Ponteceso, e Antonio da Hermida, de Cabana; que levan asistindo algúns anos en grupo para amosar un traballo que para eles é «un vicio» e ao que se dedican como «terapia» logo da xubilación.