Visita do Semescom á Nova Aquitania, en Francia: historia, paisaxe e natureza
23 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Imaxinas unha cidade onde a historia susurra ao teu oído mentres o mar acariña a túa pel? Esa é A Rochelle». Aí foi a onde chegaron o venres pola tarde os viaxeiros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa Morte (Semescom). O vello eslogan da vila francesa, co seu pasado repleto de conflitos, centro de poder hugonote nun país católico, vinculada co corso e a pirataría e base submarinos alemáns, cúmprese nun percorrido da entidade pola Nova Aquitania nunha nova edición das aulasbus que comezaron o luns para nove días.
Compostela foi o punto de partida para, coma sempre, os case medio cento de participantes nunha ruta que tivo parada nocturna en Baiona. Nunha sidrería degustaron tortilla de bacalao e asado de vaca. Un bo remate para unha xornada de moitos e lentos quilómetros por mor do tráfico saturado. As Landas foi o destino da segunda xornada dunha guía elaborada por Xosé María Lema, presidente do Semescom, e Chus Barbeira. Emilio Roca é quen se encarga da organización, mentres que ao volante vai Pablo Bustelo, de Compostela Bus, cun vehículo de Autocares López. O médico Xan Fernández Garrido ocúpase da saúde do grupo.
De camiño ás Landas, o exprofesor carballés Antón García Losada deu a primeira charla, sobre a composición xeolóxica da Aquitania, moi homoxénea, comentou. Unha cunca sedimentaria que chegou a estar cuberta polo mar e que coa oroxenia alpina sufriu unha elevación. As súas explicacións foron moi útiles, sobre todo no tocante á formación do sistema dunar máis grande de Europa, as Dunas du Pilot, de case tres quilómetros de longo e 102 de alto. Un monte de area que se empezou a formar hai uns 15.000 anos e ao que subiron os seareiros do Semescom, uns con máis esforzo ca outros, pero todos gozaron dunha paraxe na que o mar e un inmenso «océano de piñeiros» enriquecían esta aventura.
A outrora profesora Xela Cid disertou na aulabús sobre os 14 anos de viaxes continuas do Semescom, ademais doutras anteriores, e as pegadas que deixaron. Moitos dos percorridos foron pola Europa atlántica. Explicou o proceso de forestación das Landas con piñeiros para deter o avance do sistema dunar. En 1864 ían unhas 80.000 hectáreas plantadas. O problema dos últimos tempos son os incendios, 45.000 hectáreas queimadas no 2022.
Pola súa parte, e mentres o autobús vai dun lugar a outro, Lema Suárez, ademais de ir debullando a guía, disertou sobre o ducado de Aquitania. Dase por sentado nalgunhas obras que un dos membros desta estirpe, Guillerme X, peregrinou a Compostela e acobou inspirando a Murguía para escribir o romance de Gaiferos de Mormaltán. E ten habido autores que tamén o relacionaron coa fundación da ermida de San Guillerme de Fisterra. A segunda xornada incluíu parada en Arcachon, onde algún probou a bañarse nas augas da baía.
O xoves, o primeiro destino foi Saint Émilion, unha alfaia histórica con igrexas e claustros medievais rodeada dun mar de viñedos. Uns subiron á torre da colexiata e outros intentárono na Torre do Rei, pero estaba pechada. Unha vila cun templo escavado na rocha, catacumbas, fermosos lavadoiros antigos e, en fin, construcións que permiten que a imaxinación viaxe no tempo. Burdeux foi a outra parada do día. Houbo quen foi ao Museo de Aquitania para ver, entre outras cousas, a Venus de Laussel, un baixo relevo do paleolítico de 25.000 anos de antigüidade. Outros gozaron dos numorosos atractivos da cidade.
O venres, de camiño cara Verdon-sur-Mer, e en tanto Lema falaba sobre as guerras de relixión na Aquitania, a Matanza de San Bartolomé e a iconoclastia, os viaxeiros vían inmensos piñeirais, grandes agras de millo sedento por falta de auga e enormes leiras de xirasois murchos pola sequeira. Nun ferri cara Saintes poideron fotografar o faro de Corduan, o máis antigo de Francia. Foi edificado entre 1584 e 1611. E en Saintes deambularon polo anfiteatro romano, admiraron o románico da Abadía das Damas, o gótico da catedral de San Pedro ou arco romano de Xermánico. Un altar e un albergue son espazos de peregrinos cara Santiago e á fin tamén cara Fisterra. En fin, moitas conexións coa Costa da Morte, pero cunha diferencia: «Aquí saben coidar das súas cousas», dixo Xela Cid. E todo caso, a viaxe transcurre nun clima propicio para cultivar a amizade.