Festiletras do Couto: o mellor aínda está por vir

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A memoria de Neira Vilas ou a entrega do Bo e Xeneroso de Honra marcaron a primeira xornada da cita

23 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Eira de Cambón, e ante ducias de persoas congregadas para viaxar a ese tenro pasado do Xabarín, admitiu Miguelanxo Prado que, para el, o máis importante é ser boa persoa. Díxoo mentres sostiña o busto de Pondal que o acredita como Bo e Xeneroso de Honra 2026, unha distinción que se vén entregando nas últimas edicións das Festiletras do Couto.

Durante o seu breve discurso, Prado lembrou ao arquitecto ceense Domingo de Andrade e ás múltiples testemuñas que falaban do seu bo carácter e trato. «Era boa persoa. Ao final, eu creo que é o máis importante para deixar na vida, máis que unha torre» ou unha gran obra, reflexionou o historietista e animador.

Foi ese un dos momentos máis destacados da primeira xornada das Festiletras do Couto, que comezaron na mañá de onte coa inauguración dunha exposición de Adrián Varela na memoria de Xosé Neira Vilas. De seguido, deu comezo un novo Encontro Aldeas Singulares, centrado este ano na promoción do territorio a través da literatura, e de novo tivo un destacado peso o autor ao que no 2027 se lle dedicará o Día das Letras Galegas.

encontro aldeas singulares

Ademais de volverse presentar o libro Con Anisia Miranda na Costa da Morte (a máis madrugadora das publicacións das Letras 2027), varios dos relatores lembraron a Neira Vilas. Foi o caso do presidente de Adro de Vilaño, Diego Rama, quen asegurou que esas primeiras palabras coas que comeza Memorias dun neno labrego están xa enraizadas na literatura e no imaxinario de tódolos galegos. «Eu son... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén»: un emblema.

No encontro participaron así mesmo Pilar Sampedro, do padroado da Fundación Neira Vilas; o escritor Jaime Izquierdo e Pepe Formoso e Xosé Manuel Varela en representación do Batallón Literario da Costa da Morte, un colectivo, dixo Varela, moi intimamente ligado tanto á asociación Monte Branco como á Fundación Eduardo Pondal.

Durante a presentación de Con Anisia Miranda na Costa da Morte, agromaron as anécdotas e as memorias: a vez que o malpicán Castelao (Xosé Barizo) lle exerceu de anfitrión, o moito que lle gustaban as sardiñas ou tódalas ocasións nas que Paco Abella o levou no coche, xa que Neira Vilas non conducía. Pechou o encontro unha interpretación musical a cargo do popular grupo A Quenlla, cuxo líder, Mero Iglesias, avanzou que antes de morrer o escritor lle deixou «poemas inéditos para musicar», algo que fará «cando haxa algo máis de sosego», pasado este intenso 2027 que está por vir.

MOITO ONTE... E MOITO HOXE!

Feira de artesanía, xogos tradicionais con Miudiño, un animado karaoke con Esteban Cancela, os sempre irreverentes Monoulious Dop, o home orquestra Cé Pantasma, unha contada con Federico Pérez ou a primeira xeira de encontros con creadores e ilustradores, entre outra moita oferta, completaron a programación diúrna antes de dar paso á xeira de concertos nocturnos: Paco Pecado, Muchachito Bombo Infierno e Grande Amore.

E hoxe... máis! Segunda quenda de encontros con creaodres (Concha Blanco, María Canosa e Irene Sanjuan), sesión vermú con Mondra, agrupacións tradicionais, entrega dun segundo Bo e Xeneroso de Honra e máis concertos con referentes como Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

O PROGRAMA DE HOXE, POR ESPAZOS

Rúas da Aldea

• Feira de Artesanía, obradoiros en vivo e animación polo Couto con Kokopataslongas.

• 11.00 | Actuación tradicional de Os Farrapos de Cesullas.

• 18.00 | Actuación de Pandeireteiras Sen Fronteiros: Pan Sen Fron.

O Quinteiro

• 11.00 | Xogos tradicionais da man de Miudiño.

• 12.30 | O Folión do Zampón: espectáculo de animación de rúa coa compañía Fantoches Baj.

Eira de Pailetes

• 17.00 | Actuación das pandeireteiras Do Rivés.

• 18.00 | Bingo en galego con Esteban Cancela.

• 19.00 | Unha Señora Orquestra.

Eira da Fundación

• 13.30 | Mondra.

• 20.00 | Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

• Entrega do Bo e Xeneroso de Honra a Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña.

Eira de Pontedona

• 11.00 a 0.00 | Espazo Gastro.

Eira das Letras

• 11.00 | Encontros con creadores e ilustradores: Concha Blanco.

• 16.00 | María Canosa.

• Hora | Irene Sanjuan.

Rúa Travesa

• 13.00 | Pablo Varela.

• 19.00 | Mamá Cabra.

Eira de Cambón

• 12.00 | Montedapena.

• 16.00 | «Rompecinturas Selektor», con Esteban Cancela.