CONTENIDO PATROCINADO
20 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festiletras chega este ano á súa corenta e catro edición como unha das celebracións culturais máis destacadas da comarca. Para Xosé María Varela, presidente da Fundación Eduardo Pondal e máximo responsable da cita, alcanzar esta cifra nunha pequena aldea como O Couto ten algo de «milagre», aínda que detrás hai o traballo de moitas persoas, desde o voluntariado e a veciñanza ata as institucións que colaboran para facelo posible.

O alcalde, José Manuel Mato, recoñece que foi ao chegar ao Concello cando tomou conciencia da dimensión do Festiletras. Hoxe considérao, xunto coa Festa do Percebe, unha das celebracións máis importantes de Ponteceso e unha das súas principais cartas de presentación en Galicia. O Concello traballa ademais para que o festival poida obter a declaración de Festa de Interese Turístico, un obxectivo para o que Mato considera fundamental continuar coa colaboración institucional e que conta tamén co apoio da Deputación da Coruña.

O rexedor destaca a capacidade destas iniciativas para unir a comunidade e lembra a súa propia experiencia no fútbol, unha actividade que nunca entendeu unicamente como práctica deportiva, senón tamén como unha forma de xuntar á xente e potenciar o concello. Nesa mesma filosofía sitúa o Festiletras e a súa continuidade, destacando tamén a colaboración de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e responsable provincial de Turismo.

A historia do festival comezou como a Festa das Letras, que nas primeiras edicións se celebraba en maio, o domingo posterior ao 17 de maio. Á saída da misa reuníanse os grupos de música tradicional, xunto cun posto de barro de Buño e outro de libros en galego. Música, libros e barro quedaron así ligados desde o principio á identidade da celebración. Tras a pandemia, trasladouse aos meses de verán e acabou fixando a súa celebración na terceira semana de agosto, para facilitar a participación do voluntariado.

Nesta edición terá un protagonismo especial Xosé Neira Vilas, pola súa estreita relación co Couto e ante a celebración do Día das Letras Galegas que se lle dedicará en 2027. Neira Vilas e Anisia Miranda, a súa muller, mantiveron durante anos unha fonda amizade coa organización e participaron en numerosos pregóns, ata o punto de seren considerados padriños do Festiletras.

Na inauguración presentarase unha exposición realizada por Adrián Varela. Ademais, o sábado 22 darase a coñecer un libro editado con Miranda, un dos poucos que escribiron xuntos.

O festival incorpora tamén este ano melloras en seguridade, limpeza e inclusión, grazas ao apoio do Concello e da Deputación. Haberá interpretación en lingua de signos e un espazo adaptado para que as persoas con discapacidade poidan seguir os concertos.

Corenta e catro edicións despois, Varela reivindica a importancia de manter viva esa implicación colectiva. Conta que, nos días previos ao festival, atopou un grupo de voluntarios e voluntarias no quinteiro e que, ao ver a alegría nas súas caras, pensou: «Isto paga a pena». Para a organización, esa participación é a mellor garantía de que o Festiletras poida seguir medrando sen perder a esencia coa que naceu.

Un motor para o cultural, social e económico que axuda a manter vivo o rural

O impacto do Festiletras vai máis alá dos días de celebración e da súa programación cultural. Xosé María Varela fala do denominado efecto Festiletras, que xa se deixa notar na propia aldea do Couto coa rehabilitación de varias vivendas e a chegada de novos veciños e veciñas.

Nos últimos anos, tres ou catro casas foron adquiridas e restauradas por persoas que decidiron instalarse no Couto e que, ademais, acabaron implicándose no propio festival como voluntarias. Para Varela, é un exemplo de como unha iniciativa cultural pode xerar efectos que van moito máis alá do propio evento.

A celebración permite que centos de persoas descubran cada ano a aldea. Varela explica que mesmo reciben numerosas peticións de persoas interesadas en alugar, e considera que a visibilidade do acontecemento pode animar a outras persoas a coñecer O Couto e apostar por vivir nel.

O alcalde comparte esta visión e considera que este tipo de celebracións poden contribuír a asentar poboación e dinamizar a economía. Para él, quen se achega ao Couto pode acabar descubrindo tamén outras aldeas do concello e do territorio, poñendo o foco nun rural que sofre as consecuencias do despoboamento.

Para Varela, O Couto é un exemplo do que se pode facer para poñer en valor unha aldea a través da súa identidade e da cultura. O festival funciona como escaparate e pode servir de referencia para outras aldeas a que desenvolvan iniciativas propias.