As Letras a Neira Vilas xa resoan no Couto: nova oportunidade para adquirir un dos seus libros máis especiais
CARBALLO
O sábado, no Encontro de Aldeas Singulares, presentarase o volume «Con Anisia Miranda na Costa da Morte»
18 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Prepárase a aldea pontecesá do Couto para materializar unha vez máis o milagre das Festiletras, e entre os moitos artistas, expertos e persoeiros que pasarán esta fin de semana por alí, haberá un nome que resoará de xeito especial. Non é outro que o do finado escritor Xosé Neira Vilas, a quen no 2027 se lle dedicará o Día das Letras Galegas.
Será no marco dun novo Encontro de Aldeas Singulares, esa especie de congreso do rural que promove dende hai anos a Fundación Eduardo Pondal e no cal se reflexionará, nesta ocasión, sobre o papel da literatura na dinamización do medio rural.
Destacados especialistas, creadores, músicos e axentes locais reuniranse o sábado nunha xornada que —financiada pola Consellería de Política Social e a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica— comezará precisamente coa inauguración da exposición Cantas cousas non pasaron, dedicada a Neira Vilas. Icía Varela (voz) e Lois Varela (viola) interpretarán seguidamente Ai amor, peza baseada nun poema do autor que nuns meses será homenaxeado pola RAG.
Logo de varias das intervencións, e en presenza de familiares do escritor, presentarase o libro Con Anisia Miranda na Costa da Morte. Un volume que —explica Xosé Manuel Varela— «propón un percorrido pola comarca a través da memoria, da literatura e das relacións humanas que o autor e Anisia Miranda estableceron con esta xeografía».
Avanzan dende a Fundación Eduardo Pondal, ademais, que nestas Festiletras se ofrecerá aos lectores unha nova oportunidade de adquirir o libro, que no momento de editarse (Embora, 2014) foi presentado polo propio Neira Vilas nun ateigado salón da Casa dos Veciños do Couto.