Máis de 400 pequenos puideron gozar no Couto do seu talento de artista. Tanto, tanto, como a nena Daniela Novo
17 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Arredor de 450 pequenos e pequenas están a participar nesta edición 2026 da Escola de Verán do Couto, promovida polas entidades Fundación Pondal e A Casa da Muller. Na programación, un bo número de actividades e visitas especiais, como foi a de Xabier Díaz esta mesma semana. Nunha case que previa do que será a súa presenza nas Festiletras o vindeiro domingo 23 de agosto, departiu cos pequenos e amosoulles en vivo o seu facer coa pandeireta e coa voz, músicas herdadas e recollidas que seguen nutrindo intres de felicidade. Entre as atentas miradas dos pequenos, unha ben especial, a de Daniela Novo Garrido, pequena con síndrome de Rett que vive a música, en xeral, dun xeito único: «O seu momento de ocio para ela é ese, escoitar música. Cando está triste, cando se altera... Para traballar con ela, e para gozar, facémolo sempre con música», contaba onte súa nai, Noelia Garrido, agradecida coa presenza de Xabier e co afecto que puido ver en vídeos. Desvela que a avoa paterna da nena, Maricarme, é toda unha fan do artista: «Paseille o vídeo e díxome: ‘Xa non me podía gustar máis Xabier, pero é que agora aínda me gusta máis!'».