Especial | Nas noites do 22 e do 23 de agosto, ocasións irrepetibles como o concerto de Muchachito Bombo Infierno
16 ago 2026 . Actualizado a las 00:01 h.«Hai fenómenos que acontecen moi poucas veces e momentos que paga a pena vivir». Entre os primeiros, a eclipse deste pasado 12 de agosto. Entre os segundos, concertos únicos nun lugar que tamén o é. Xuntando as dúas cousas, a 44.ª edición das Festiletras do Couto, en Ponteceso, promovidas dende a Fundación Pondal e previstas para a vindeira fin de semana: sábado 22 e domingo 23 de agosto. Da programación diúrna xa se divulgaron a Aldea das Letras ou as Aldeas Singulares, e haberá moito máis, toda unha celebración da cultura galega, pero a noite garda sorpresas e ocasións extraordinarias que merecen ser experimentadas, de aí esa reflexión inicial que o festival fixo chegar aos seus seguidores cando todo o o mundo miraba ao ceo.
Trens que non volven. A actuación de Muchachito Bombo Infierno, cando xa se teña posto o sol o sábado 22, será única no verán galego. Vén de pasar por Menorca e Lanzarote, e logo irá a Madrid. Co seu proxecto conquistou os escenarios dende a rúa, unha «explosiva mestura» de rumba, rock, swing, ledicia e convite ao baile. Unha «festa compartida» nun deses directos «que paga a pena vivir». Así é como avanzan dende a organización do festival esta actuación que na noite do sábado 22 terá tamén outros compañeiros de altura.
É o caso de Paco Pecado, proposta de Javier Morales que entende a música como lugar de baile e xeito de sentir: rumba, bolero, pop e espírito de verbena, un brinde pola cultura popular, pola retranca, polo tempo compartido, un tempo a gastar asemade nesa primeira noite das 44.ª Festiletras coa actuación de Grande Amore. O seu, un convite a vivir o momento, a deixar atravesar o corpo pola música, a festexar xuntos. Os bonos en liña están esgotados, mais aínda é posible facerse con entradas soltas para concertos en ataquilla.com (18 euros) ou para días de festival (20). Non o deixe para mañá.
O festexo das raíces, patrimonio compartido
Letras, artes e vida dinamizan a aldea do Couto durante as Festiletras, facendo de eiras, rúas, cabanotes e pendellos magnos escenarios. Na noite do domingo 23, das 20.00 horas en adiante, os concertos serán festexo da raíz e da música como lugar de encontro. Dende o País Vasco chegará Neomak, cultura irmá, linguas, tradicións e sentimentos que non precisan de tradución, unha reinvención do de antes para festexar o agora e os lazos que unen distintos territorios, como é o caso.
«Hai actuacións que deixan de ser unha cita no programa para converterse nunha tradición agardada», trasladan dende a Fundación Eduardo Pondal. É o caso da de Xabier Díaz —Bo e Xeneroso— e Adufeiras de Salitre, «parte da alma do Festiletras». Un país enteiro na gorxa, as voces das mulleres e homes que lle aprenderon eses cantos, toques e bailes que eles levan anos reivindicando nos escenarios ante miles de almas, como veñen de facer na Carballeira de Zas ou na Tarde-Noite no Medievo de Riobó. O Couto será oportunidade para quen non puidese estar, ou queira repetir.
Igualmente o domingo 23, Terrae, tradición e electrónica e «un convite a bailar coa terra baixo os pés e o corazón aberto». Pontes entre pobos, un retorno á orixe, un futuro consciente e mellor.
Máis servizos, limpeza, acampada ou seguridade: puntos fortes
A boa experiencia dun festival non só ten que ver con aquilo que ocorre enriba do escenario, por máis que sexa un apartado importante. A pé de torreiro hai moitas outros aspectos esenciais que contribúen ao benestar e que este ano tamén serán reforzados dende a organización das Festiletras. É o caso da ampliación do número de servizos hixiénicos, do traballo polo mantemento da contorna de xeito constante ou da propia atención mediante un importante número de persoal encargado ou voluntariado do campo de traballo Alí, xaz. Mozos e maiores axudan a vivir o encontro da mellor maneira posible, e tamén o fan as ducias de veciños que dende hai días colaboran para que a aldea estea a punto. Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, haberá no Couto servizo de acampada e de duchas, ademais de servizo permanente da seguridade. Para facer posible o encontro, a Fundación Pondal ten a colaboración da Xunta, Galicia Calidade, Xacobeo, Deputación, Concello de Ponteceso, Consello da Cultura Galega, Estrella Galicia, Deleite e Fundación Arume. Unha suma de forzas, e todas elas fan falta.