O festexo das raíces, patrimonio compartido

La Voz

CARBALLO

Letras, artes e vida dinamizan a aldea do Couto durante as Festiletras, facendo de eiras, rúas, cabanotes e pendellos magnos escenarios. Na noite do domingo 23, das 20.00 horas en adiante, os concertos serán festexo da raíz e da música como lugar de encontro. Dende o País Vasco chegará Neomak, cultura irmá, linguas, tradicións e sentimentos que non precisan de tradución, unha reinvención do de antes para festexar o agora e os lazos que unen distintos territorios, como é o caso.

«Hai actuacións que deixan de ser unha cita no programa para converterse nunha tradición agardada», trasladan dende a Fundación Eduardo Pondal. É o caso da de Xabier Díaz —Bo e Xeneroso— e Adufeiras de Salitre, «parte da alma do Festiletras». Un país enteiro na gorxa, as voces das mulleres e homes que lle aprenderon eses cantos, toques e bailes que eles levan anos reivindicando nos escenarios ante miles de almas, como veñen de facer na Carballeira de Zas ou na Tarde-Noite no Medievo de Riobó. O Couto será oportunidade para quen non puidese estar, ou queira repetir.

Igualmente o domingo 23, Terrae, tradición e electrónica e «un convite a bailar coa terra baixo os pés e o corazón aberto». Pontes entre pobos, un retorno á orixe, un futuro consciente e mellor.