«A Mina de Caxadas é un xacemento que non desmerece a ningún outro»

P. BLANCO / A. LESTÓN CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pablo Sanmartín, presidente do Colectivo A Rula
Pablo Sanmartín, presidente do Colectivo A Rula

Pablo Sanmartín, presidente do Colectivo A Rula, fala da importancia deste xacemento e da inmensa riqueza que ten a Costa da Morte

12 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Colectivo A Rula vén de propoñer a inclusión do dolmen da Mina de Caxadas, situado en Vimianzo, no Parque do Megalitismo da Costa da Morte, así como a posta en valor deste megálito e a súa contorna. É unha proposta coa que se ten amosado de acordo a rexedora vimiancesa, Mónica Rodríguez. Falou en Radio Voz o presidente de A Rula, Pablo Sanmartín, quen aproveitou ademais a conversa para animar a acudir á Noite de Petros do vindeiro 4 de setembro na capital soneirá

.—Que os leva a esa petición de incluír A Mina de Caxadas?

—Pensamos que é un xacemento que non desmerece a ningún outro dos que si están xa incluídos no parque. É un túmulo megalítico duns trinta metros que conserva practicamente a totalidade dos esteos que formaban a cámara, de gran tamaño ademais.

—Cando fixaron nel interese?

—Foi un pouco a raíz dos veciños da contorna. Sabiamos que existía, algúns dos compañeiros coñecía o xacemento, pero foi a raíz desa visita que nos solicitaron uns veciños facer con nós. Sorprendeunos o tamaño, a orientación canónica... Fixemos un informe que agora presentaremos ás institucións. 

—Ve interese nos veciños por estes xacementos que teñen ao carón? Hai menos do que debería?

—É moi desigual, hai casos de todo. Xente que intenta agochar o que ten e outros que senten orgullo de ter un petróglifo ou unha mámoa na súa finca. Con todo, penso que esa antiga visión de intentar agochar é algo que está a mudar. Iso é algo beneficioso, e contribúe o traballo que estamos a facer asociacións como a nosa.

—Todo parece indicar no caso da Mina de Caxadas que forma parte dunha gran necrópole.

—Son cinco mámoas, e de feito dúas delas, no só a de Caxadas, senón a catalogada como mámoa II, tamén ten parte do que sería a cámara. A isto os veciños chámanse a Arca de Ogas, a aldea que está ao lado. É probablemente un pouco o resto dunha necrópole aínda maior e da que se conservarían estes cinco túmulos.

Vista del dolmen A Mina de Caxadas
Vista del dolmen A Mina de Caxadas X. AMEIXEIRAS

—Municipios como Vimianzo, con tanta riqueza megalítica, son un tesouro para vostedes?

—Vimianzo é punto de referencia clave no parque do megalitismo. Non só polo número de xacementos, sete xa incluídos e este sería o oitavo, senón porque é un exemplo a imitar. Hai que agradecerlle ao Concello e á súa rexedora que dese continuidade a un traballo que xa viñan realizando tamén corporacións anteriores. É fantástico que teñan os dolmens sinalizados, coidados, incluso adquirido algún en propiedade. Un modelo a imitar para outros concellos da comarca.

—Vemos os dolmens como grandes reis, mais semella que petróglifos quedan nun segundo chanzo.

—Iso é un pouco o peso da historia. A Costa da Morte ten castelos, como o de Vimianzo; castros, como o de Borneiro, As Barreiras ou Montesclaros; pazos senlleiros... pero quizais o referente sempre foi o megalitismo. Por dúas razóns, pola grandiosidade de xacementos, con máis de 300 túmulos na comarca, e pola tradición de grandes investigadores e historiadores que dende o século XIX veñen poñendo en relevo todo isto, porque o merece. Son puntos de referencia da arte megalítica para toda Europa. Temos que lembrar ao propio Pondal, que tamén os puxo de relevo. Pola contra, a arte rupestre é un pouco menos coñecida, as primeiras descubertas son dos 90, salvo excepcións, e iso pese a haber catro grandes zonas que merecerían darlles maior difusión. Na zona de Ponteceso, A Fieiteira e o Petón da Campaíña, no seu día sinalizados, valorizados e hoxe un pouco descoidados; en Vimianzo, Berdoias, Boallo e as descubertas dos últimos anos de David Roget no val; os cervos fantásticos da Pedra Xestosa, en Laxe, afectados agora polos incendios; e logo o gran petróglifo de armas, descoidado pese a pasar o Camiño a rentes del, que é Pedra Ancha, en Dumbría.

—E máis haberá, véxase ese caso recente no monte da Ameixenda.

—En Cee, si, unha das primeiras representacións deste tipo na comarca. Seguirán aparecendo, porque non ten habido traballos máis sistemáticos ata o momento, como si os ten habido para o megalitismo. Nós daremos a coñecer en breve novas estacións, recentemente localizadas.

—Se tantos hai en Vimianzo, é de presumir que tamén preto.

—Entran en xogo varios factores, dende o asentamento da comunidade nestas zona ao granito. O 99 % dos petróglifos están sobre este material, de moi boa calidade no val de Vimianzo, o que permite que cheguen aos nosos días.

—Como poñer en valor todo isto?

—É cuestión de vontade e de sensibilidade, tamén de mantemento. Hai quen pensa que é máis doado coa compra ou expropiación dos terreos, pero a miña idea persoal, e creo que o futuro, pasa tamén por que os propios veciños sexan os primeiros en valorar e participar desa dinamización.