O papel da literatura na dinamización do rural, a análise nas Aldeas Singulares do Couto

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O Encontro Aldeas Singulares, na súa edición do 2025
O Encontro Aldeas Singulares, na súa edición do 2025 BASILIO BELLO

O encontro será o vindeiro 22 de agosto, dentro das Festiletras, e chega xa á súa novena edición

12 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Queda menos para o 22 e o 23 de agosto e dende O Couto (Ponteceso) seguen avanzando programación da que serán as 44.ª Festiletras. Actividade mañá, tarde e noite na que xa ten entidade propia o Encontro de Aldeas Singulares, unha especie de congreso no rural promovido dende a Fundación Pondal e no que a Eira de Cantexa será o sábado 22 pola mañá epicentro de debate sobre cultura, territorio e desenvolvemento comunitario. Esta novena edición leva por título Aldeas das Letras: literatura, territorio e dinamización demográfica, e será precisamente unha reflexión sobre o papel da literatura na dinamización do medio rural. Destacados especialistas, creadores, músicos e axentes locais reuniranse nunha xornada financiada pola Consellería de Política Social e a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Con voces de referencia como as de Jaime Izquierdo, Modesto Fraga, María José Andrade, Diego Rama ou Pepe Formoso, o encontro, das 11.00 horas en adiante, será tamén escenario para conmemorar dúas efemérides da memoria colectiva e literaria galega. Unha, os 140 anos da publicación de Queixumes dos pinos (1886), obra de Eduardo Pondal e piar do Rexurdimento. Outra, o 30.º aniversario do Batallón Literarario da Costa da Morte, singular movemento xurdido no ano 1996 que cambiou a maneira de comunicar poesía —sobre todo— ao público, un fito nas letras contemporáneas da comunidade.

Estas Aldeas Singulares terán ademais dimensión inclusiva, coa presenza de Miriam Aller, que ofrecerá acompañamento integral en linguaxe de signos e impartirá un taller para os asistentes. A xeito de peche, un recital a cargo do propio Batallón (13.00), así como a música de Mero Iglesias e membros de A Quenlla.

Antes de todo, Neira Vilas

Con todo, e antes de que estas Aldeas Singulares comecen, haberá unha cita previa á beira da sede da Fundación Pondal, ás 10.50 horas. Alí está programada a inauguración da exposición Cantas cousas non pasaron, dedicada a Xosé Neira Vilas, o escritor que será homenaxeado coas Letras Galegas 2027 e con forte vínculo co Couto. Todo un anticipo do que virá para o ano. Icía Varela (voz) e Lois Varela (viola) interpretarán Ai amor, peza baseada nun poema de Neira. Logo, durante a xornada, e con presenza dos familiares do autor, presentarase o libro Con Anisia Miranda na Costa da Morte.