Carballeira de Zas, felicidade colectiva

P. Blanco, A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Xabier Díaz, durante a sesión vermú deste sábado na Carballeira de Zas
Xabier Díaz, durante a sesión vermú deste sábado na Carballeira de Zas BASILIO BELLO

A noite do venres e o mediodía do sábado deixa un balance que se resume así: «Impresionante»

09 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Impresionante». Fernando Nieto, voceiro da organización da Carballeira de Zas, resumía onte ás catro e media da tarde nesta palabra todas as sensacións que acababan de deixar nos corpos Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. En verdade, resumía todo o vivido ata o momento. «Que festa tan bonita!», dixera Díaz dende o escenario. E, si, esta Carballeira de día, familiar, con maxia e con música, xa é motivo de peregrinación en si mesma. Ampliaron zonas de comida e zonas de sombra, e máis houbera, pero incluso así a agarda, con paciencia, formou parte da experiencia. Á Carballeira de Zas non se vai con présas.

Si van grandes e pequenos, mozos e maiores, e a todos eles, nunha vermú das máis ateigadas que se lembran, púxoos onte Xabier a entoar e a bailar. Pediu música galega para o Xacobeo, e deixou para o remate Axudádeme a cantar. A petición foi atendida, un estoupido de felicidade colectiva sabedora de que aínda quedaban por diante toda a tarde e toda a noite.

Viandas compartidas á sombra e á beira do río, en tranquilidade, en confraternidade e veciñanza, sendo dun ou doutro lado. Artesanía para darlle valor ao feito a man, como o é en grande medida esta festa na que lle fixeron falta folgos a todos e cada un dos máis de 120 voluntarios. O día fixera remuda dunha noite de venres que non puido empezar mellor, loada sexa tamén a presentadora, Lupe Blanco. Ela ten dentro o espírito da Carballeira dende hai moitos, moitos anos, así que o «Ei Carballeira!», e máis aínda sendo regueifeira, é deses que saen da alma. Foi compartido dunha volta, por certo, coa actriz Alba Bermúdez. «O pobo que canta, non morre, e este é un pobo regueifeiro», dixo Blanco. Non morrerá a Carballeira mentres siga habendo pobo nela.

Había ganas de festa, e así é que xa cos burgaleses de El Nido estaba cheo o recinto. Un folclore ibérico revisado, sons tradicionais de Castela e León combinados con matices pop e un carácter moi, moi festivo, conectou axiña co público. Había quen sabía as pezas. Entre elas, unha en galego, todo un detalle, e outra compartida co público só a voz e pandeiro, dende abaixo. Foron quen de facer anicar á maioría de Carballeira e así, verbas de por medio arredor da música tradicional das dúas comunidades, prepararon o terreo para a chegada do furacán Baiuca.

Antía Muíño, nun intre do concerto con Baiuca
Antía Muíño, nun intre do concerto con Baiuca BASILIO BELLO

O directo, o espectáculo visual, a electrónica e a tradición ergueron aos festeiros de fóra e aos da casa, que tiñan nese intre sobre o escenario a unha veciña, Antía Muíño. «Marabillosa sempre», sopesaba como espectadora Antía Ameixeiras, artista tamén da casa. Para mostra, esa exhibición de voz soa: Eu aquí nunca cantei... Sumaron talento a Baiuca as irmás Montero, pandeireteiras. E, como remate da noite, o bretón David Pasquet. Mantivo ao público á beira do escenario cunha proposta na que hibridou a bombarda cos ritmos electro. Foi unha noite de xente moza. Hai futuro.