Ramón Vilela, de Muxía: «Houben de morrer afogado tres veces»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ramón ama o mar, ao que segue moi ligado cada día dende a súa vila muxiá.
Ramón ama o mar, ao que segue moi ligado cada día dende a súa vila muxiá. BASILIO BELLO

Lobos de mar | Foi mariñeiro dende os 15 anos e xubilouse na pandemia sendo percebeiro: «Non lle chegaba á ponte do barco para levar o temón e botaba o taburete». Hoxe, ás 12.00 horas, dará o pregón do Mercado das Rutas do Mar 

08 ago 2026 . Actualizado a las 04:50 h.

Ramón Vilela Martínez dará hoxe ás 12.00 horas o pregón das XVIII Rutas do Mar de Muxía, a súa localidade natal. Ten 65 anos e leva xubilado dende a pandemia, logo dunha vida ligada ao sector, primeiro como mariñeiro e, máis tarde, como percebeiro. Aínda non tiña quince anos cando comezou a prepararse para o oficio. A escola non lle gustaba, recorda, e na familia, por un lado e polo outro, estaba rodeado de profesionais vinculados ao mar. Así pois, isto foi algo que mamou dende «sempre», ao pé das casetas, observando aos máis vellos.

Os Ramóns, catro nun barco

É un caso curioso o seu. Seu pai, Ramón, tiña outro socio co mesmo nome, denominación que tamén escolleron para os seus respectivos fillos. Así, pois, fóronse xuntar catro Ramóns no barco que, como non podía ser doutro xeito, bautizaron como Os Ramóns. Era unha embarcación do día, de casco de madeira e nove metros de eslora. Foi construída nos estaleiros da Ponte do Porto. Nela navegaban entre Fisterra e Camelle «e tres-catro millas para fóra», explica. Andaban ás vetas, á «volantilla» e, no verán, tamén aos rascos. Pescaban faneca, abadexo, pescada, langosta... Despois chegaría O Pirata, un barco tamén de madeira, dun metro máis de eslora, mercado en Bueu. De moi boa maneira, recalca o muxián, cada familia emprendeu o seu camiño por separado. Logo, o pai de Ramón Vilela vendería Os Ramóns, e «filliño», como lle chamaban a el con cariño por ser o máis novo, acabaría saltando ás pedras detrás do marisco.

Ramón segue moi vinculado ao mar a día de hoxe. Para el éo todo. Érguese moi cedo e, ata hai un ano, ía dar unha volta na súa lancha deportiva. Agora está un pouco amolado, pero dende a súa casa segue con atención todo o movemento marítimo da vila. «Eu nacín nisto, para min o mar non é un oficio, é todo: vida, natureza», di dende a alma. Poden crerlle de certo, pois o camiño non foi para nada doado. «Vomitaba todos os días como un porco», recoñece sen pelos na lingua. «Tivera frío, fame... era o meu. O mar é unha pasada, hai que saber entregarse e respectalo», engade. Por iso ten claro que, aínda volvendo a nacer, seguiría dedicándose a este sector.

Ramón leva uns días moi atarefado co pregón, coa axuda da súa muller, Luísa. Para el é un «orgullo» que pensasen na súa persoa para dalo, aínda que non é moito destas cousas, recoñece. Pero agora que se puxo mans á obra, quere facelo ao grande. Hoxe promete emocionar coas súas sinceras palabras. «Houben de morrer afogado tres veces: dúas, no barco, e unha, nos percebes», adianta. «É rarísimo que ninguén teña accidentes no mar, en calquera oficio, por moi responsable que sexa. O mar busca valentes, nunca lle tes que dar as costas. Agora non pasa tanto grazas a Deus porque co neopreno xa non tes tanto frío, os profesionais saben nadar moi ben e, en xeral, estamos máis preparados cos partes meteorolóxicos e para flotar», sostén.

Como mariñeiro, xa non era un novato, cando o aparello o levou ao fondo. «Grazas a que non quedei enganchado», lembra. Noutra ocasión, tirouse á auga por un rapaz que acababa de comezar a traballar na embarcación «e descoñecía se sabía nadar. Salveino a el e a pouco máis afogo eu porque tireime vestido e coas botas», narra.

Xa como percebeiro, coidouse moito en saúde sempre empregando arneses. Pero, nunha ocasión, estaba «nun canal» cando a corda se desenganchou. «Bateume, berrei e xa viñeron por min. Tiven unhas rabuñadas no xeonllo. Das tres veces, se non houbera alguén ao meu lado...», di coa voz entrecortada. Máis sustos viviu cos temporais. Seu irmán Luís tamén foi mariñeiro. Pese a ir en familia, eran cousas coas que convivían con certa normalidade.

BASILIO BELLO

«Non lle chegaba á ponte do barco para levar o temón e botaba o taburete»

Ramón embarcaba ás tres da madrugada e volvía á terra doce horas despois. Fondeaban ao abrigo na enseada ata que recollían o aparello. Ao chegar de volta, o corpo pedía descanso, lembra o muxián. Porén, «vías a todo o mundo por aí e uníaste. Había tempo para todo», conta entre risas. Traballaban os sábados, os domingos... Só se respectaban as festas e os días significativos como o Nadal. Era ben cativo cando aínda non lle chegaba á ponte do barco para levar o temón e lle arrimaba o taburete, recorda.

Duros comezos ao percebe

Vilela Martínez botouse ao oficio de percebeiro porque tiña varios amigos traballando diso e víase sen traballo, pero «non tiña idea», recoñece. Atopouse cunha realidade bastante dura que o sorprendeu. Recorría a costa dende Merexo ata Nemiña, «trinta quilómetros».

Na pesca deportiva en lancha gústalle tamén estar acompañado, algo que di que sempre é bo por se pasa calquera cousa. Agora atópase cunha Muxía na que, a principal actividade, a pesca, foi dando paso a outra, o turismo. «O mar é duro, hai outras opcións», reflexiona. Na súa familia, a súa foi a última xeración en dedicarse a este ámbito. Aínda lembra con moito apego como ía cos seus irmáns coller ourizos cando era a súa época a unhas pedras próximas á Barca e os comían en familia. «Esa era a miña ilusión», di con anhelo.

Vilela recibirá hoxe como auténtico lobo de mar a súa merecida homenaxe. El, dende logo, convida a gozar destas novas Rutas do Mar.