As últimas citas da Semana Cultural dan paso aos primeiros concertos deste 41.º festival folk. «É unha festa modélica», destaca o alcalde, Manuel Muíño
07 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Este venres arrinca a 41.ª Festa da Carballeira de Zas, unha das grandes citas do verán na Costa da Morte. Pero antes de que dean comezo os concertos de El Nido, Baiuca e David Pasquet ás dez da noite, culminarán os actos da Semana Cultural, logo de cinco intensos e variados días. Para hoxe está previsto o espectáculo Unha noite no Muíño, con Caxoto, ás 12.00 horas. Xa ás 18.00, levarase a cabo o obradoiro de Decoupage para adultos, de novo con Mi mamá troquela. Para esta proposta, a inscrición é obrigatoria e as prazas, limitadas.
Os deste venres serán os primeiros concertos dunha ampla programación para o sábado, durante todo o día, con artesanía, gastronomía, zona infantil e, sobre todo, moita música. No espazo senlleiro actuarán, entre outros artistas, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, na sesión vermú, ou Alana e Fillas de Cassandra, durante a tarde-noite. Haberá unha gran foliada. O Concello de Zas promove a Semana Cultural coa colaboración da asociación Castro Meda, a Deputación da Coruña e Ler Conta Moito. É a entidade cultural local a que asume a organización do festival coa implicación do Concello.
Na noite de hoxe, El Nido actuará ás 22.30 horas, Baiuca farao á medianoite, e David Pasquet será o encargado de pechar a velada. Venda de entradas na billeteira.
Manuel Muíño: «É unha festa modélica»
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, falou onte da 41.ª Festa da Carballeira en Voces de Bergantiños.
—É para vostede a semana máis especial do ano?
—Temos algunha romaría de moita tradición como a da Santa Margarita de Muíño, ou a festa de San Roque e a Carballeira de Baio, máis recente. Son diferentes e, cada unha, co seu estilo. Esta, coa música, os voluntarios, toda a súa evolución, é a máis significativa fóra da nosas fronteiras. Leva o nome de Zas por toda Galicia e, incluso, por toda España.
—Séguense creando espazos como a sesión vermú infantil, o cal é, sen dúbida, parte do éxito.
—Si, foi evolucionando en todos estes anos. O que empezou como un día só e de noite, o sábado, pasou a ser toda a xornada, con foliada, comida, actividades para nenos e adultos... E xa comeza o venres. Tivo momentos mellores e peores, pero sempre soubo adaptarse. O Concello apóiaa tanto na organización como economicamente.
—Os visitantes marchan moi contentos.
—Hai unha zona de acampada con todos os servizos imprescindibles e, tamén, para aparcar. É unha festa modélica e tranquila, sen ningún altercado.
—Ademais, complétase cunha Semana Cultural cada vez máis potente.
—Todas estas actividades que se realizan supoñen un esforzo económico para o Concello, pero tamén no seu momento foi unha innovación para ter unha semana de actividades de todo tipo cun obxectivo final: a Festa da Carballeira. É algo moi difícil de organizar con tantos actos en poucos días. Somos un caso único, penso.