Un mundo de oportunidades para gozar deste 6 de agosto na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A cantautora Sofía Espiñeira
A cantautora Sofía Espiñeira .

Historia, cinema, filosofía, música, vermú e verbena... Nada lle falta a esta xornada de verán na comarca 

06 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Xoves 6 de agosto e varias citas na axenda do día para a Costa da Morte. Destacan estas propostas:

Carballo • Avanza o ciclo Sons de Aquí, dentro do programa estival Ondas Culturais. Faino dende Sísamo, no adro da súa igrexa, onde ás 20.00 horas haberá unha visita guiada e logo ofrecerá un concerto a cantautora Sofía Espiñeira (20.30). Trae o seu traballo Xeografías: raíces, fronteiras e éxodos. Canda ela estarán Yudit Almeida e Lucía Cortiñas Lorenzana. Cita de acceso libre. Colabora a Deputación.

Sofán (Carballo) • Botan a andar as festas da parroquia. Misas ás 12.00 e 13.00, macrosesión vermú e verbena co grupo Máster, a discoteca Impacto, Frankstone, Mateo Varela, Nian, DJ Bermúdez e La Misión. Comezan forte.

Laxe • O Museo do Mar acolle ás 11.30 a proxección do documental Mary Quintero: máis de 90 anos de creatividade. A imaxe como vida.

Zas • Penúltima xornada da Semana Cultural previa á Festa da Carballeira. Bandullo Azul ofrece ás 12.00 o contacontos Os contos do gato. Ana Trasariz seguirá coas súas puntadas divertidas ás 17.00, e os adultos co decoupage (18.00). Para as 19.30 está previsto un concerto da coral San Martín de Canduas e ás 22.00 proxectarase Antes de nós: será isto último na Praza do Campo.

Cee • Continúa na vila da Xunqueira o ciclo Poesía na Rúa, antesala da entrega do premio do I Certame Batallón Literario. O recital de hoxe correrá a cargo de Miro Villar, Concha Blanco e Alexandre Nerium, e será ás 20.30, precisamente na praza que leva por nome Concha Blanco.

Tamén en Cee está en marcha o ciclo Cine na Rúa, esta noite coa proxección de Robot Salvaxe: 22.30 horas, na praza Otero Lastres. De balde.

Corcubión • Máis filosofía para veraneantes, hoxe arredor do corpo e as artes escénicas. Na Capela do Pilar, ás 20.00, interveñen Alberto Abal, Toño Casais, Mariña Lestón e Ana Oca. De balde.

Vimianzo • A capital de Soneira está a piques de iniciar a súa semana grande de festas de agosto. Para hoxe xa, a comisión ten organizadas unhas prefestas con degustación de choripán. Unha noite amenizada por Judith Cundíns e disco móbil Full co DJ Expósito. Vaia facendo boca!

Tamén en Vimianzo, ás 12.00 na sala Antón Mouzo, está programada a inauguración da exposición de pintura Aguas, do artista Diego Pérez Carpeño. Poderá visitarse ata o 20 de setembro.

Muxía • Máis música no cámping Lago-Mar, esta tarde (19.30 horas) a cargo de Perfusión. Á beiriña do mar.

Dumbría • A programación de verán trae a O Conco Unha de piratas, con Troula Animación: ás 11.00 horas.