Continúan os recitais e faladoiros en Cee e en Corcubión. En Zas avanza a Semana Cultural previa á Carballeira
05 ago 2026 . Actualizado a las 13:52 h.Houbo de ser a cuberto o luns polo tempo, nunha sala dedicada á arte, pero ben podería verse como metáfora do bo refuxio que achan na Costa da Morte disciplinas como a creación literaria. Vén sendo así dende hai ben tempo, e para mostra precisamente este Batallón Literario da Costa da Morte. Trinta anos despois, aquelas voces están volvendo tomar as rúas de Cee con creatividade, unha Poesía na rúa que hoxe está prevista na praza Ketty Quintana. Ás 20.30, intervirán María Lado, David Creus e Xaime Trillo. O ciclo botou a andar o luns e seguiu onte con boa acollida, arranque do que falou en Radio Voz o técnico Víctor Castiñeira.
E só a uns pasos de Cee, na Capela do Pilar de Corcubión, retomouse o luns logo duns anos de parón, o ciclo Filosofía para veraneantes. Impulsado polas mozas Lucía Oca e Paula Trillo, o faladoiro de hoxe será arredor do corpo na literatura galega medieval, coa intervención de Carmen de Santiago: 20.30 horas.
Avanza a Semana Cultural da Carballeira
Activada xa a conta atrás da 41.ª Festa da Carballeira, en Zas está en marcha a Semana Cultural previa que impulsa o Concello. Os máis pequenos terán hoxe talleres de percusión e puntadas (12.30 e 17.00), con inscrición. Para adultos, Vicente Triskel impartirá un de construción de pandeiro: 18.00, 30 euros, con inscrición. E para remate do día, no centro sociocultural, monólogo de Leti da Taberna: Jastac Japi Jolidais (21.00).