Memoria e festa dende Fornelos

P. B. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Vinte anos celebra a asociación veciñal. Non faltaron á súa cita do primeiro domingo de agosto

05 ago 2026 . Actualizado a las 14:58 h.

A asociación A Fonte de Fornelos, de 20.º aniversario, reuniuse o domingo na súa Festa da Fonte: «Non é só música, comida ou celebración. Esta festa é memoria». Foron palabras alí escoitadas e memoria, en verdade, houbo moita. Da man de Pepe Romar, pregoeiro e presentador da revista conmemorativa , ou a través da colorida exposición de camisetas de todas as edicións, coa ausencia das do 2020 e 2021, anos de covid. «Parece que foi onte cando un grupo de veciños empezaron a xuntarse para facer algo polo noso lugar...»: mais vinte anos pasaron e non decaen ganas, unión «e a certeza de que Fornelos merecía seguir vivo».

Vinte anos de amizade con lembranza para os que xa non están, porque A Fonte segue a ser reivindicación de raíces, de lugar. Houbo agradecemento para os dous alcaldes que axudaron, xa fose con materiais, ferramentas ou outro apoio, Ernesto Rieiro e Manuel Muíño. A este último, presente, agradecéuselle tamén a colaboración coa veciñanza ante o proxecto mineiro Jorge Reyes. Un libro con follas en branco para escribir, ou unha árbore a xeito de familia, composta a base das pegadas dos que se achegaron, foron algunhas das sorpresas da fermosa xornada.