Filosofía, cine, festas e música en directo son outros plans para este martes 4 de agosto
04 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Está a ser, en certa maneira, unha volta a como todo comezou, coa poesía tomando aqueles lugares máis habitados pola xente. A vila da Xunqueira acollerá este vindeiro domingo a entrega do premio do Certame Batallón Literario da Costa Morte e ata entón as voces poéticas tomarán diversos recunchos da vila ceense, como onte fixeron na sala de exposicións da Casa da Cultura Modesto Fraga, Ainhoa Conde e María Canosa. Non puido ser nos xardíns do Fernando Blanco polo tempo. Na quenda de hoxe, de novo ás 20.30, o emprazamento será o monumento aos Defensores das Liberdades, coa presenza de Marilar Aleixandre, Rafa Vilar e Rosalía Fernández Rial. «Versos luminosos», como avanzaba Fraga, que farán da localidade un centro literario na comarca por estas xornadas.
Filosofía, cine, festas e música en directo
Ademais da Semana Cultural de Zas e da Poesía na Rúa de Cee, estas outras citas hoxe na Costa da Morte:
Corcubión • Segunda cita do ciclo Filosofía para veraneantes, na capela do PIlar ás 20.00. Con Amanda Traba, A sexualidade como espello deformado da pornocultura.
Cee • Bota a andar un ciclo de cine na rúa coa Rede Cultural da Deputación. A cita de hoxe, ás 22.30 horas na praza Otero Lastres, contempla a proxección de Nocturna: aventura máxica.
Vimianzo, Brantuas e Artes • Máis festas. Vimianzo comeza Prefestas con Hamburbingo. En Brantuas (Ponteceso) bailarán con Ronselo. En Artes (Carballo), con Nueva Fuerza e Full.
Muxía • Avanza o agosto cultural do cámping Lago-Mar. Ás 19.30, concertos de Killing Floors e Mal Juicio.