Zas dinamiza con cultura a espera pola súa Festa da Carballeira

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Mural conmemorativo da Festa da Carballeira de Zas, obra de Primo Rodríguez (Vella Escola)
Mural conmemorativo da Festa da Carballeira de Zas, obra de Primo Rodríguez (Vella Escola) BASILIO BELLO

O groso das actividades da Semana Cultural botan a andar hoxe, ademais das exposicións, unha delas tributo ao voluntariado. Na vila xa loce tamén o mural conmemorativo, do colectivo Vella Escola

03 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha das paredes da escola infantil Galiña Azul de Zas xa se pode ver un novo mural conmemorativo da Festa da Carballeira. É obra de Primo Rodríguez —colectivo Vella Escola—, proba de que está a achegarse unha nova edición da celebración, a 41.ª (venres 7 e sábado 8 de agosto). Hai xa anos que esta espera é dinamizada polo Concello de Zas cunha intensa Semana Cultural que días atrás definía o alcalde, Manuel Muíño, deste xeito: «A mellor maneira de preparar o ambiente para a Carballeira, unha festa que transcende o ámbito local e que cada ano reúne en Zas a milleiros de persoas arredor da música e da cultura galegas».

A da Semana Cultural, que en esencia bota a andar hoxe logo da proxección, xa o 31, de As liñas discontinuas, é unha programación ampla, variada e participativa. Nesta xornada inicial, será Latexo Percusión quen abra as propostas ás 12.30 cun obradoiro de percusión infantil: as prazas son limitadas e a inscrición nos obradoiros é obrigatoria. Come Ben achegará un taller infantil de cociña ás 17.00, e ás 20.00 proxectarase o documental Ao son da nova regueifa. Antón Bouzas, por último, conducirá unha observación do ceo nocturno con telescopios, sempre que tempo o permita (22.00, inscrición previa). No centro sociocultural, tres exposicións, unha delas a fotográfica Voluntarios, alma da Carballeira.

O RESTO DA SEMANA

  • Martes 4 de agosto. Contacontos con Bea Campos (12.00), taller infantil de cociña saudable con Combe Ben (17.00), contos para bebés con Marisa Irimia (17.00), encontro co mariñeiro e creador de contido Rogelio Santos Queiruga (19.00), presentación do novo libro de Juan Bautista Mato (20.00) e concerto de Comando Curuxas (22.00).
  • Mércores 5 de agosto. Taller de percusión infantil con Latexo Percusión (12.30), puntadas divertidas con Ana Trasariz (17.00), construción de pandeiro con Vicente Triskel (18.00) e monólogo de Leti da Taberna (21.00).
  • Xoves 6 de agosto. Contacontos con Bandullo Azul (12.00), máis puntadas con Ana Trasariz (17.00), taller de decoupage para adultos con Mi mamá troquela (18.00), concerto da coral San Martín de Canduas (19.30) e proxección de «Antes de nós» (22.00).
  • Venres 7 de agosto. Espectáculo musical de Caxoto (12.00) e taller con Mi mamá troquela (18.00).