Poesía toda a semana en Cee como antesala ao premio do Certame Batallón Literario

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Un dos intres do fallo do certame Batallón Literario, na mañá deste pasado venres
Un dos intres do fallo do certame Batallón Literario, na mañá deste pasado venres ANA GARCIA

María Canosa, Ainhoa Conde e Modesto Fraga serán as primeiras voces poéticas en intervir, este luns ás 20.30 horas

03 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

En Cee bota andar hoxe unha semana grande de poesía. Dende este luns ata o sábado, e como parte da programación do I Certame Batallón Literario da Costa da Morte, a vila da Xunqueira acollerá seis recitais poéticos baixo o lema de Poesía na rúa. Serán outras tantas xornadas e un total de 18 voces poéticas que contribúen tamén así a festexar os 30 anos de Batallón. Modesto Fraga, María Canosa e Ainhoa Conde son os convidados de hoxe na Fundación Fernando Blanco (20.30). Marilar Aleixandre, Rafa Vilar e Rosalía Fernández tomarán o relevo mañá no monumento aos defensores das liberdades (20.30). O mércores será quenda de María Lado, David Creus e Xaime Trillo (praza Ketty Quintana, 20.30). Chegarán o xoves Miro Villar, Concha Blanco e Alexandre Nerium (praza Concha Blanco, 20.30). O venres, Xosé Iglesias, Suso Bahamonde e Roberto Traba (Praciña do Olvido, 20.30). Finalmente, xa o sábado 8, ás 13.00 na Praza da Constitución, intervirán Mónica Góñez, Moncho Bouzas e Rocío Leira.

Vai ser unha boa forma de agardar pola entrega do premio do certame, organizado polo Concello ceense co apoio de Deputación e Xunta. O acto será o domingo 9. Mereceu o galardón Xosé Luís Mosquera Camba.