Fernando Nieto: «Vir á Carballeira de Zas é vivir unha experiencia»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Fernando Nieto é vogal da asociación Castro-Meda de Zas
Fernando Nieto é vogal da asociación Castro-Meda de Zas ANA GARCIA

A conta atrás está activada para este 41.º festival folk «con espazo para todos». Queda unha semana! E así están as cousas pola Carballeira de Velar

02 ago 2026 . Actualizado a las 00:21 h.

Só queda unha semana. Conta atrás para a 41.ª Festa da Carballeira de Zas (venres 7 e sábado 8 de agosto). Música, gastronomía, natureza, encontro, artesanía e máis. Detrás da organización está a asociación Castro-Meda, da que é vogal Fernando Nieto (Zas, 1978). Apoian Concello, Deputación e Estrella Galicia. Renovouse a directiva da entidade, agora presidida por Diego Blanco, mais a esencia permanece: «A base é a mesma, só que coa entrada de xente nova para aprender», di Nieto. Na Carballeira de Velar, o magno espazo natural desta festa que por segundo ano volverá ser solidaria con Mi Princesa Rett, os preparativos están en marcha hai días e o traballo foi a máis, non só polo acondicionamento do recinto ou a limpeza de prados, senón porque ampliaron a zona diúrna e infantil con novos espazos de sombra, necesarios vistos os últimos anos: «Estaremos debaixo das árbores. Haberá espazo para todos».

—A 40.ª edición foi histórica, 100 % galega e feminina.

—Foi unha aposta para un número simbólico, e saíu ben, fíxose récord en todos os sentidos.

—Directiva renovada, pero con moitos anos de experiencia.

—Toda a vida no meu caso. A asociación é de arredor do 84 e eu nacera antes, pero era moi neno [ri]. Estiven nunha directiva anterior, xa de secretario, nos 2000 e durante uns dez anos, e logo viñeron outras dúas ás que eu seguía ligado, aínda non estando dentro. Este ano volvín de vogal, e de novo sigo traballando.

—A Carballeira é máis ca música. É festa popular, mexilloada, prezos módicos, acampada, natureza...

—O que nós vendemos non son entradas para uns concertos, para ver uns grupos como se poden ver nunha praza en calquera outro lugar, o que vendemos é que vir á Carballeira, dinos a xente, é unha experiencia. A contorna, os prados, a música, a xente, o ambiente... Todo iso vai nun pack.

—Tanto así que esgotaron os bonos que lanzaron aínda sen confirmar nada do programa.

—Foi o primeiro ano que fixemos iso. Sen dicir nada do que ía pasar, e a nosa sorpresa foi que en dous días non quedaba nada.

—Do escenario hai que mencionar para esta edición o regreso do carácter internacional da festa, con David Pasquet e Backwest.

—Pasquet, na noite do venres, ten feito centos de concertos por Europa, e agora está de solista cun grupo propio. Cadraba moi ben nesta edición e co espírito da Carballeira, e sobre todo con Baiuca: a súa é unha música bretona con bombarda, pero fusionada con electrónica. Sons animados, dinámicos, para facer bailar e vibrar á xente. E Backwest é un cuarteto irlandés con melodías que todo o mundo coñece e recoñece. Cada dous ou tres anos vén algunha representación irlandesa, é algo que chama.

—O resto das noites non é menor. El Nido, Baiuca, Radio Cos, Alana, Fillas de Cassandra, Señora DJ... Tiñan grupos pechados xa?

—Apalabrados! Fillas de Cassandra, por exemplo, queriamos que viñesen xa na anterior edición, e incluso antes, pero fora imposible.

—Fóra da noite, a Carballeira de día medrou moitísimo. Zona infantil, concertos familiares, o mercado de artesanía... Chega de novas o mercado da Deputación.

—Si, fixemos un convenio, así que ao mercado que nós xa tiñamos súmase por primeira vez este, un mercado co que pasan por distintos eventos, con artesáns con certificación Artesanía de Galicia.

BASILIO BELLO

—Menores de 14 e maiores de 65 non pagan, tirando dese espírito popular. Como vai a venda de entradas? Que poden augurar?

—Pois polos números da semana pasada, xa imos cun récord con respecto ao 2025 en venda anticipada. A ver como acaba. E ademais, como xa se intúe a previsión de tempo e non se esperan cousas raras, máis motivo para lanzarse.

—Vostede está ligado á tradición, e na Carballeira hai foliada. Unha festa nun festival, o sábado 8.

—Exacto. Vai facer dez anos que introducimos a foliada porque pola volta empezaban a rexurdir. Pensamos que cadraba ben, sobre todo así de tarde, pequenos concertos dentro dunha gran festa. E niso seguimos: estarán as pandereiteiras Do Rivés; Argalleiros de Sigüeiro, unha charanga tradicional; Os Campantes da Baña, moi coñecidos no val da Barcala; os Pandeireteiros Argalleiros de Xacarandaina; Os Petadores de Zas, xa grupo residente [ri], e as pandereteiras Chorima, grupo a punto de despegar, de Zas.

—É a foliada a súa parte preferida?

—É o meu olliño dereito, á que máis cariño lle teño, e ademais vexo que a xente responde moi ben, aínda sendo algo bastante recente.

—Outro ingrediente do éxito: o voluntariado. Este ano teñen exposición propia na Semana Cultural que botará a andar o luns 3.

—É fundamental. Esta festa non a podería facer unha empresa, nin contratando xente. Son os voluntarios, arredor de cen, cada un co seu rol e coordinados, os que traballan semanas previas e eses días. As fotos da mostra serán antigas e recentes, traballando, posando...

O CARTEL E OS HORARIOS

Venres 7 de agosto

  • 22.00. El Nido. Algo de verbena moderna, de xota e de praza. Dende Castela e León para o mundo. 
  • 00.00. Baiuca. Enche prazas e é unha satisfacción para o festival poder incluílo no seu cartel.
  • 01.30. David Pasquet. Prometeu darlle guerra ao propio Baiuca. 

Sábado 8 de agosto

  • 12.00. Paco Nogueiras. Un incombustible na animación do público familiar. 
  • 14.30. Xabier Díez e Adufeiras de Salitre. Voces e pandeiretas movidas coma ninguén. A sesión vermú xa é buque insignia da Carballeira. 

  • Pola mediodía e tarde: Mago Teto, Cé Orquestra Pantasma, Os Campantes da Baña, Os Petadores, Chorima, Os Argalleiros e Do Rivés, entre os nomes. Non podía faltar a foliada. Nin a feira de artesanía, para a que cada ano teñen máis peticións. Súmase o Mercado da Deputación

  • Pola noite, das 20.30 en adiante: Alana (20.30), Radio Cos (22.00), Backwest (23.30), Fillas de Cassandra (01.00) e Señora Dj (02.30). Alana é esencia mesma da Costa da Morte. Fillas de Cassandra era un obxectivo por cumprir na edición feminina do 2025: chegan agora e con novos disco. Señora DJ foi unha grande sorpresa o ano pasado: será ela quen peche e quen asuma os entretempos, case merecedora dun «contrato vitalicio» en terras zasenses.

As entradas: En liña e en billeteira física

Pódense adquirir na web festadacarballeira.com ou nas redes do festival. De cara aos propios días, os prezos fixados para as entradas en billeteira serán de 20 euros o venres, 20 o sábado e un bono para os dous días completos por 30 euros.

Gratuidade na infancia e vellez

Co ánimo de facer un festival aberto e accesible a todos, a entrada será de balde para menores de 14 anos e maiores de 65.

E ademais...

A Carballeira terá espazo lúdico infantil, artesanía, variada oferta gastronómica e e zona de acampada gratuíta dotada con baños e duchas, a poucos metros do espazo, a máxica Carballeira de Velar. A isto, xa nas xornadas previas, haberá que sumar unha nutrida Semana Cultural.