«O que hai máis atrás de pais e avós xa nos queda lonxe, e por iso estes libros»
CARBALLO
Gentes del Finis Terre | Marcos Emilio Casdelo, caionés, vén de publicar «Historia das parroquias de Carballo: o catastro de 1750»
29 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Caionés do 1973, Marcos Emilio Casdelo Amado é promotor e director do Arquivo da Pesca desta vila, ademais de impulsor cultural e investigador da historia local. «Sempre me gustou», explicou onte en Radio Voz. Así é que vén de engrosar a súa obra cun terceiro libro, Historias das parroquias de Carballo: o catastro de 1750, un título que se suma aos anteriores de Poder, dominio e sangue: a liñaxe Bermúdez de Castro e As parroquias do Concello da Laracha en 1750. «Toda a formación serve, eu estudei Ciencias Económicas e Empresariais, pero a historia sempre estivo aí e nunca deixei de ler», sinala. Unha operación e lesión medular con 25 anos deixouno sen mobilidade: «Case nada podo mover dende o pescozo para abaixo, nin mans, nin brazos... Pasei a ter máis tempo para ler e, ao tempo, máis dificultade para facelo», conta. Algún «artiluxio» que manexaba co nariz foi o seu primeiro recurso, pero axiña as novas tecnoloxías chegaron e pasou a empregar cursores asociados aos movementos da súa cabeza: «Aí xa puiden ler e investigar moito máis, e ir escribindo. Leva tempo, claro. Son movementos de cabeza, letras... máis difícil ca con dez dedos!».
E por aí vén unha das —moitas— ensinanzas de Marcos: «Botándolle tempo e ganas, conséguese. Este é o meu terceiro libro, e moi contento pola acollida que está tendo». Por que achegarse ás parroquias de Carballo desta volta? Sinala cando menos dúas razóns: unha, a proximidade, pois a súa terra e a carballesa son as dúas bergantiñás; outra, «o contido»: «Carballo ten parroquias que foron dando un grande cambio, e se ben si hai moito publicado sobre a historia máis recente, século XX sobre todo, non era tanto así de aí para atrás».
Explica o caionés que o Catrasto de Ensenada, a través desas catro decenas de preguntas que se remitían aos centros xurisdiccionais para recabar todo tipo de datos detallados, amosa unha radiografía clara de como vivía Carballo arredor daqueles tempos do 1750. En xeral, falan dunha base agrícola e unha vida complicada, de moito traballo da terra e moitos tributos: «Quedáballes moi pouco». Era sobrevivir. Documentarse, ler, revisar e transcribir para esta obra foille cousa de «moito tempo», mais aí está o resultado, accesible en formato obra nas librarías. Incide no crecemento ao redor das feiras ou na «historia ben fermosa» que ten a parroquia de Carballo, o centro, pasando de «catro casas» ao que é hoxe, e todo a raíz da descuberta e crecemento «dos baños». Noicela, Rebordelos ou Lema, no val de Baldaio, son asemade referenciadas por Marcos, mais asegura que «todas» posúen peculiaridades e datos que gustarán, sobre todo se se ten vínculo con elas.
«Valorar a vida que temos»
«Para valorar a vida que temos é fundamental coñecer a vida que tiveron os nosos pais, avós, bisavós... Polo xeral somos conscientes do que nos tocou vivir a nós, e do que nos contan os nosos pais e avós, pero o que hai máis atrás xa nos queda lonxe, e de aí estes libros. Necesitamos este tipo de obras e lecturas para saber un pouquiño máis», valorou o escritor na súa conversa con Fran Rodríguez. En Caión, por exemplo, hai moito para coñecer arredor do mar e da pesca. A vila, ademais, será epicentro para a observación da eclipse do 12 de agosto, e Casdelo Amado sábeo ben, pois integra un grupo de afeccionados. Algo promoverán para aquela data.
Leer más: «Aquel Caión que foi haino que contar»
No persoal, a propia historia de Marcos divulga unha mensaxe de superación que aló por abril lles trasladaba aos pequenos de Ponte... nas ondas!, un encontro de radio escolar: «Alenteinos a sobrepoñerse, como fago neste mesmo libro cunha das dedicatorias, ao meu fillo, Martiño. É o que trato de inculcar, porque a sociedade hoxe todo o precisa moi inmediato, e iso ás veces leva á frustración. A pesar das dificultades pódese chegar ao que un precisa ou ao que un quere, só que moitas veces hai que facelo doutras formas. Non podes escribir coas mans? Outra forma. Non podes pasar as páxinas? Outra maneira».