«A retina non ten sensores de dor, por iso é clave protexer os ollos na eclipse»
CARBALLO
O coñecemento chegou á beira da praia coa primeira sesión de Sol X Ciencia, en Baldaio, con Isabel Lema e César González
22 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Houbo un intre na tarde-noite do luns na que os asistentes á sesión de divulgación científica no cámping Baldaio, en Carballo, ficaron en absoluto silencio. A atención estaba posta de cheo no doutor en Astrofísica e investigador César González, quen con grandes dotes de orador meteu ao público no peto para contarlle as interpretacións das eclipses que ao longo da historia teñen feito as diferentes civilizacións. El, xunto coa carballesa Isabel Lema Gesto, profesora de Oftalmoloxía da USC, era un dos convidados á velada inicial de Sol x Ciencia, un ciclo incluído na Noite Europea das Persoas Investigadoras, promovido pola área municipal de Innovación á través do proxecto TALK0 —Talento Kilómetro Cero— e financiado pola Unión Europea.
A atención suscitada por César ten aínda máis mérito sabendo que a súa era a segunda intervención, logo xa dos sorteos feitos no descanso. Entre os 52 asistentes, os agasallos estrela —ademais de algún material para o verán—, foron gafas para a observación da eclipse do 12 de agosto. E é que este acontecemento é o que fía estas novidosas sesións de ciencia na rúa. Neste caso, no litoral, a pé de praia. Así o explicou o concelleiro Iván Andrade.
Non é para menos. A eclipse será algo único a vivir na vida, «un acontecemento fantástico que nos conecta co universo, co cosmos», que é «infinito e precioso» pero cómpre velo «de xeito seguro». Con coñecemento: «Cando hai información, non adoita haber problema».
Foi niso no que incidiu Isabel durante o seu paso polo cámping Baldaio, pero tamén horas antes en Radio Voz: «Falabamos dunha eclipse moi longa. Aínda que a total sexa curtiña, uns 30-35 segundos [dependendo da zona], o tempo total, a eclipse parcial, é moi longa, máis de hora e media. Temos que protexer os ollos desa radiación tan prexudicial para a retina, sobre todo para a chamada mácula. É importante sabelo, pois ao non ter a retina sensores de dor, non teremos a sensación de que nos está facendo dano, pero si. Xa se ten visto noutras eclipses, e falamos de eclipses parciais, que aos día seguintes aparecían estes efectos da radiación. Pode ser unha cousa moi pequena ou ben xa unha alteración importante, un escotoma no campo central, e iso xa é algo grave», incidiu a profesional durante a intervención na emisora, en conversa con Fran Rodríguez.
En caso de percibir algo, a recomendación é acudir canto antes ao oftalmólogo: «Hai probas para coñecer os danos e mesmo algún tratamento que poida axudar», apuntou Isabel, sumamente «ilusionada» coa súa primeira actividade divulgativa en Carballo nun «ambiente relaxado e agradable» do que agardaba participación. Hóuboa. Agradécea toda, pero sobre todo o interese dos máis novos por saber: «Hai que gozar da ciencia, quen sabe de que aquí poden saír persoas que queiran estudar astrofísica!».
Dun xeito práctico, a carballesa deu conta de que non serve calquera tipo de gafa, nin a de sol normal, para ver a eclipse tanto na súa zona de umbra como de penumbra. Hai unha específica, homologada, na que ten que figurar o número ISO 12312-2:2015, así como claramente CE —Comunidade Europea—, garantindo esa homologación. E, non, tampouco serve ollar a eclipse a través dun dispositivo móbil. Si hai algún telescopio con filtro específico, mais en xeral os dispositivos móbiles son «perigosísimos» en situacións así: «Acaban tamén danando se non hai protección». Foron nada menos que dúas horas de saber en Baldaio, ata as dez e media da noite, e encantados.
A vindeira sesión, o 29
Logo da cita do luns no cámping Baldaio, a vindeira sesión de Sol X Ciencia será no Terra Bar de Razo, o 29 de xullo, ás 20.30: acceso de balde. Ese día, matemáticas e astronomía observacional ao fío da eclipse serán protagonistas, con Begoña Nicolás Ávila e Óscar Blanco.