César Freiría (Cé Orquestra Pantasma): «O boca a boca funciona bastante ben e son vago para as redes sociais»
CARBALLO
A remollo | O músico vigués é un habitual da Costa de Morte, onde ten previstas varias actuacións
19 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.César Freiría (O Freixo-Valadares-Vigo, 1975) é Cé Orquestra Pantasma desde o 2008, un dos músicos máis recoñecidos por nenos e adultos na Costa da Morte. As súas últimas actuacións foron no Castro Animado, en Borneiro (Cabana), e na Cea Medieval do Asalto ao Castelo de Vimianzo. Tamén pasou Muxía, polo cámping Lago-Mar.
—Como está sendo o verán?
—Bastante bonito. Saín dunha baixa que tiven dous meses, en marzo e abril, un parón un pouco duro por culpa dunhas hernias. Maio e xuño son os meses máis potentes porque xúntanse escolas e festas. E agora hai cousas moi diferentes. Volverei á zona tamén polo Festiletras, en agosto, e estarei en Riobó e en Zas [na Festa da Carballeira, o 8].
—É un habitual da zona.
—Coincide. O boca a boca funciona bastante ben e son bastante vago para as redes sociais, son moi cansadas. Recoñezo que moito traballo veñen por elas, pero non me gustan. Aínda así, admito que son unha ferramenta de comunicación moi potente, pero tamén moi dañina.
—Hai moitos anos que vén pola zona.
—Empecei con Cé Orquestra Pantasma no 2008. Antes viña de diferentes mundos musicais desde o punk rock ata a tradicional en diferentes ámbitos como grupos de gaitas, A Roda ou rondallas.
—Vive en Vigo?
—No 2016 volvín ao meu barrio despois de pasar tempo en varios lugares. O que máis boto de menos no interior é ver pasar as estacións. Porque ao estar rodeado de natureza autóctona facíache ver cando chegaba o outono. Aquí temos o verde perpetuo do eucalipto.
—Non parece un home de cidade.
—Estou moi vinculado ao Freixo, que está rodeado de monte. Vivín a transición do traballo no campo ao abandono. Busquei vivir en zonas rurais.
—Por iso vén por aquí?
—Eu vou porque me chaman. Outra cousa é que poida conectar máis pola miña forma ser ou de facer coa cultura da zona. Cando vou a unha festa se a alguén lle gusta pide a tarxeta e acabo tendo máis pola zona. A miña forma de ser é máis de aldea.
—Fixo amigos despois de tantos anos de vir pola comarca?
—Si. Alá onde sempre vas facendo coñecidos como a xente de O Couto, en Corme tamén, en Cabana, en Carballo...
—Tivo que parar por unha hernia. O seu traballo é bastante físico. Foi por iso?
—A min de tocar o bombo non se me fastidiaron as costas. Foi por coller pesos de mal xeito. Desta volta foi unha ciática e na resonancia viuse o que había, pero foi por coller mal sacos de esterco para a horta.
—Daquela, non foi unha doenza profesional.
—Non. Outra cousa é que levo agora un bombo máis lixeiro, pero tamén hai que collelo do chan. Pero as veces que tiven problemas de costas póñome a tocar e como levo unha táboa que vai amarrada na cintura e no peito dáme calor, vaime dando unha masaxe e acabo a actuación coma novo. Chámolle bomboterapia. Pero neste último a cabeza bótase a andar porque o meu medio de vida é Cé Orquestra Pantasma e teño que me coidar. Inventei o que chamo a zocatoca. Collín zocas que me fixo Elena Ferro e púxenlle no talón como sensores que recollen sinais dos golpes do bombos, fago unha percusión como se fose unha batería. Así non tería que levar peso ningún. De momento está parado porque o bombo é máis vistoso.
—Entendo que se prepara para o futuro.
— [Risas]. Para a vellez, para a xubilación. A cooperativa Miudiño ten dez anos e foi tamén para iso, na crise dos 40. Xa non estou tan vinculado. Comezamos fabricando xogos tradicionais, no 2017, naturalizamos patios de escola, e facemos formación para un cambio de mirada cara a infancia, de respecto, de comprensión... Adoitamos ir a O Couto e tamén estivemos en Borneiro. Unha das actividades que temos é o xogo libre con familias no monte. Os nenos precisan xogar, teñen que ter o seu tempo para iso.
Máis de cerca
—Pegouse algunha boa festa pola Costa da Morte?
—Teño moi bos recordos das de Laxe. Mesmo teño feito o pregón.
—Algún lugar que intente visitar cada vez que vén?
—Eu viaxo moito por cuestións laborais. Vas a onde te chaman, pero eu descubrín o outro día un sitio que me parece un paraíso, que é o entorno da praia do Lago, en Muxía.
—Probou algunha vez os percebes de O Roncudo?
—Pode ser que si, nunha das Noites na Furna. O que non sei é se eran de alí en concreto.
—E o longueirón fisterrán?
—Non, en Fisterra non estiven máis que unha vez.
—Onde desemboca o río da Europa continental en fervenza ao mar?
—No Ézaro. Unha vez metinme coa furgoneta por atrás e baixei por aquelas pistas de cemento. Pensei que non chegaba.
—Quen escribiu a letra do Himno de Galicia?
—Pondal.
—E onde está o Cemiterio dos Ingleses?
—En Camariñas.
—Coñece a Praia dos Cristais?
—Si. Está Laxe.
—Cal é a catedral do megalitismo galego?
—Dombate!