Arredor de 450 rapaces na Escola de Verán do Couto, moito máis que un campamento

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A nova edición desta consolidada cita presentouse onte na Fundación Pondal
A nova edición desta consolidada cita presentouse onte na Fundación Pondal BASILIO BELLO

Presentada a nova edición desta iniciativa educativa, que se desenvolverá no mes de agosto

07 jul 2026 . Actualizado a las 00:34 h.

Arredor de 450 rapaces participarán este ano na Escola de Verán do Couto, unha iniciativa que se desenvolverá ao longo do mes de agosto e que vai moito máis aló da conciliación familiar.

Impulsado pola Fundación Eduardo Pondal e pola Casa da Muller, este proxecto educativo e social alcanza a súa edición número 44 consolidado como un auténtico «laboratorio de igualdade, convivencia e participación», así como unha «extraordinaria oportunidade de formación e participación para a mocidade» —indican dende a organización— dado que unha parte importante da equipa está formada por xente nova que atopa na Escola de Verán un espazo para seguir formándose e adquirir experiencia.

Este ano apuntáronse nenos non só de Ponteceso, senón de municipios do entorno como Cabana, Laxe, Malpica, Coristanco, Carballo, Arteixo, Oleiros, A Coruña ou Santiago, e mesmo doutros puntos do territorio español. Así mesmo, volverá haber rapaces saharauis grazas á colaboración coa Asociación de Amigos do Sáhara.

Por outra banda, 24 monitores titulados, 9 alumnos en prácticas e 18 persoas voluntarias (tanto xóvenes como sénior) integrarán a equipa humana que fará posible as distintas actividades, xogos, obradoiros, dinámicas e experiencias que se desenvolverán no Couto ao longo do mes de agosto.