Xurxo Fernandes: «Paiosaco é unha terra ben querida. Aí gravamos o vídeo de ''Sete cuncas''»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Xurxo Fernandes, durante o concerto que ofreceu na Feira das Cereixas de Paiosaco o ano pasado
Xurxo Fernandes, durante o concerto que ofreceu na Feira das Cereixas de Paiosaco o ano pasado ANA GARCÍA

O artista actuará de novo na Feira das Cereixas, desta banda con Radio Cos

02 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi por unha débeda co público polo que sacaron o seu primeiro disco, aló polo 2013, e é tamén por eles polo que Radio Cos emprende este verán unha xira de despedida coa que pasarán por templos da tradición como a Festa da Carballeira de Zas ou, máis inmediatamente, a Feira das Cereixas de Paiosaco.

Unha localidade, confesou Xurxo Fernandes en Radio Voz, que lles é «ben querida», por teren actuado alí en varias ocasións, pero tamén porque «foi alí, na feira de Peisaco, onde gravamos o vídeo de Sete cuncas», apuntou Xurxo, fundador, xunto con Quique Peón, desta banda.

«Coñecémonos en Xacarandaina, desvinculámonos e despois volvemos coincidir cando abriron A Repichoca na Coruña, un templo do folclore. Comezamos a cantar e foi alí onde decidimos argallar algo. (...) Empezamos no 2005, pero tardamos oito anos en sacar disco. Para aquela xa tiñamos tocado moito e foi o noso público o que nos convenceu de publicar algo», explicou Xurxo, engadindo que o seu primeiro concerto foi en Bruxelas, nun curioso proxecto que convidaba aos veciños a abrir as súas casas e acoller actuacións nos seus salóns. «A nós tocounos no barrio senegalés, nunha casa na que vivían sete homes. Eles eran os anfitrións e tiñan que facer cócteles de benvida e poñer unha alfombra vermella fóra da vivenda para que a xente soubese que alí había concerto», rememorou.

Algo máis de vinte anos despois, regresa Radio Cos aos escenarios con canto menos dúas citas na comarca: a Feira das Cereixas (domingo, 22.00 horas) e a Festa da Carballeira de Zas, lugar que para Fernandes é «casa». «Ir tocar alí é moi especial e emotivo, unha cita imprescindible. Ademais, sentímonos moi ligados ao concello por diversos motivos: Quique deu clases alí e eu fixen recollidas con xente maior», salientou o músico, que aproveitou para reivindicar a sabedoría dos maiores: «Hai que achegarse a esa xente. Lanzádevos aos vosos vellos e aprendede todo o que poidades. Hoxe en día, as modas parece que teñen moito máis peso que a experiencia á hora de dar unha orientación», lamentou.

Dúas xornadas de moita actividade

Presentación do cartel da Feira das Cereixas de Paiosaco
Presentación do cartel da Feira das Cereixas de Paiosaco CONCELLO DA LARACHA

Sábado e domingo • Representantes do Concello da Laracha e da comisión de festas de Paiosaco presentaron onte a programación da Feira das Cereixas, con dous días de moita actividade: o sábado, con sesión vermú, aberto de billarda e verbena, e o domingo, coa feira, animación musical, un obradoiro infantil de cociña, actuacións tradicionais, o concerto de Radio Cos e fogos artificiais.