Asalto polos cinco sentidos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

<span lang= gl >Carlos Gómez, do Celme Café, na primeira xornada de Pinchos Irmandiños</span>
Carlos Gómez, do Celme Café, na primeira xornada de Pinchos Irmandiños ANA GARCÍA

Comezou, en once locais hostaleiros de Vimianzo, unha nova edición dos Pinchos Irmandiños

01 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O olor das grellas, os sons do medievo polos altofalantes, as decoracións de cores que revisten a praza, a aspereza de rolos e pacas sobre os que sentar e tomar alento... O Asalto ao Castelo xa se percibe en Vimianzo polos cinco sentidos.

Botou a andar na xornada de onte unha nova edición dos Pinchos Irmandiños, este ano con once locais participantes e con petiscos do máis variado: costela, polo á grella, tostas, fabas, pan bao recheo... Todos eles, non obstante, cunha característica común: ingredientes coetáneos ás revoltas irmandiñas.

Varios dos establecementos participantes ofrecen as tapas non nos seus locais, senón en casetas situadas ao carón da praza do concello, nun espazo especialmente caracterizado para a ocasión que, de cara a última hora da tarde de onte, chegou a encherse de comensais. Tamén tivo moito movemento o estand de merchandaxe do Asalto, onde voluntarios da organización ofrecen información e venden produtos como camisetas ou bisutería.

<span lang= gl >Pincho no café-bar A Rúa, en Vimianzo</span>
Pincho no café-bar A Rúa, en Vimianzo ANA GARCÍA

Hoxe, continuará a actividade programada cunha nova xornada de ruta de tapas (12.00 a 15.00 e 19.00 a 23.00, agás excepcións) e con cantos de taberna a partir das oito da tarde a cargo da coral O Son do Val.

«A illa dos tesouros», nova proposta infantil

Ata o venres • O entorno da Praza do Concello de Vimianzo converterase esta semana nunha auténtica illa deserta na que rapaces de seis a doce anos poñerán a proba a súa imaxinación e creatividade en catro longas xornadas de xogos e diversión.

A illa dos tesouros, así se chama a actividade, convidará aos participantes a construír unha gran palmeira, crear os seus propios distintivos, tomar parte en xogos cooperativos, elaborar un papaventos xigantes, probar xogos tradicionais ou levantar castelos de area, ademais de gozar dunha gran festa final.

As actividades levaranse a cabo até o venres, día 3, de 17.00 a 21.00 horas. Será nunha zona anexa á Praza do Concello, e da man do simpático Capitán Sabadelle, os nenos deberán superar unha serie de retos para atopar uns tesouros ben especiais: a cooperación, a curiosidade, a empatía, a liberdade, a honestidade ou a gratitude, entre outros.