Música, teatro, letras e mil e un festexos: completísima axenda de sábado na Costa da Morte
CARBALLO
A Orquestra de Cámara de Galicia actuará no mosteiro de Soandres, en Ponteceso reabrirá Neboa chillout e en Baio celebrarán hoxe a clausura da Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose: consúltao todo aquí, en detalle!
27 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O auditorio de Baio acollerá esta tarde a clausura da novena Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, logo da representación de cinco funcións teatrais de agrupacións procedentes de Ourense, Arteixo, Carballo, O Barco de Valdeorras e Barreiros (Lugo).
O acto de clausura comezará ás 19.00 da man do alumnado do CEIP Labarta Pose, que poñerá en escena dúas pezas: O transplante de corazón, con estudantes de quinto e sexto, e Os poetas e o lume, cos rapaces de primeiro, que precisamente vén de arrasar nos premios da Deputación. Ao remate, entregaranse os galardóns da mostra.
Continúa desenvolvéndose o primeiro ciclo de teatro afeccionado posto en marcha polo Concello. Hoxe, a Escola Municipal de Cee representará Segredos, enganos, verdades e mentiras: ás 21.00, no Salón do Voluntariado (1 euro a entrada).
Club de lectura arredor de Cabeza Quiles
O espazo Espiral Maior Foro de Carballo acollerá hoxe unha nova sesión do seu club de lectura, desta banda dedicado ao libro Defuntos e santos inocentes, derradeira publicación realizada por Fernando Cabeza Quiles antes do seu repentino falecemento, o pasado mes de maio. O club reunirase ás once e media da mañá e analizará este compendio de relatos, un libro «totalmente distinto» ás disertacións sobre toponimia ás que Cabeza Quiles nos tiña habituados, como el mesmo explicaba á Voz.
Fisterranía
Por outra banda, Modesto Fraga presentará hoxe no Museo de Pontevedra a edición facsimilar conmemorativa do centenario da Historia de Galicia, do intelectual Ramón Marcote.
O acto será ás 12.00 e nel intervirán Ernesto Pedrosa, presidente do consello da Universidade de Vigo; Luis Insua, alcalde de Fisterra; Pepe Formoso, da asociación Aptcm e empresario á fronte do hotel Bela Fisterra, e Eduardo Esteban Meruéndano, da entidade Cristóbal Colón Galego.
Orquestra de Cámara en Soandres, Retella Fest, música coral no Couto ou Anxo Araújo en Cee: moitas opcións
Ademais do ofrecido polo San Xoán de Carballo ou polo festival Fisterra Experience, a axenda deste sábado vén tamén ben completa de opcións musicais, como o concerto que dará a Orquestra de Cámara Galega no mosteiro de Soandres, na Laracha.
Patrocinado por Red Eléctrica e organizado coa colaboración do Concello da Laracha, a orquestra —que estará dirixida por Rogelio Groba Otero— ofrecerá durante o concerto «unha proposta musical pensada para dialogar coa singularidade do mosteiro de Soandres, espazo patrimonial de grande relevancia histórica», expresan dende o consistorio local.
Será de acceso libre e gratuíto até completar aforo.
Tamén hoxe, Yoshimi, intérprete xaponesa especializada na frauta tradicional de bambú, actuará no cámping Lago-Mar de Muxía acompañada por Haruna Chatani e a malpicá Icía Varela (20.00).
Por outra banda, o Campo dos Seixos acollerá hoxe unha nova edición do Retella Fest, con churrascada a partir das 20.00 e, unha hora máis tarde, os concertos de Lowcos e Mangata (Carballo), así como de Mal Juicio e Nucleus (A Coruña).
Na Casa dos Veciños de O Couto haberá dende as 20.00 música coral a cargo das agrupacións de Cesullas e A Oliveira do Monte Branco, mentres que no auditorio Baldomero Cores de Cee actuará Anxo Araújo (22.00) no marco da Festa da Música.
Festexos por San Pedro e máis sardiñadas para despedir o San Xoán
Inaugurado oficialmente o verán, arrecian os festexos populares. E hoxe, derradeiro sábado do mes de xuño, haberá celebracións en todas estas localidades da Costa da Morte (ademais de Carballo, que encara a recta final do seu San Xoán):
A Ponte do Porto · Logo da sardiñada de onte á noite, hoxe haberá oficios relixiosos por san Antonio, procesión acompañada polo grupo de gaitas Vaiche Boa e sesión vermú e verbena con Costa Dorada e o DJ Javi Vecino.
Corcoesto · Cinco xornadas de festa promove a asociación A Lareira até mediados do mes de xullo. A de hoxe, a primeira, será na honra do Sacramento, con misa, vermú co dúo Veneguay, espectáculo de maxia ás 18.30 e verbena a cargo de Veneguay e Corco DJ.
Cundíns · As actuacións de Luis Rey, disco Impacto e DJ Drew Korme animarán a noite nesta localidade cabanesa.
Niñóns-Brantuas · O dúo Charada amenizará tanto a sesión vermú como a verbena.
Buño · Promove a asociación veciñal O Quinteiro unha sardiñada animada polo grupo de tradicional Charamuscas. Será no Parque García Alén.
Nantón · Xornada festiva na honra de san Pedro no entorno do campo de fútbol: logo da misa, vermú animada por José Brea e Miguelón, e pola noite, verbena co dúo Boreal.
Redonda · A parroquia corcubionesa tamén se levanta en festas por san Pedro. Hoxe, primeira xornada coa orquestra Tokio durante a vermú, coa charanga A Tripulasión pola tarde e con Tokio e CDC na sesión nocturna.
Estramil · Sardiñada, churrascada e música en directo a cargo da solista Rocío Pérez: é o que ofrece para esta tarde-noite a asociación Fonte da Virxen de Estramil.
Xesteda · De novo, honras a san Pedro nesta localidade cercedense. Logo dos oficios solemnes actuará o grupo O Son do Fol, para despois dar paso a unha sesión vermú amenizada polo trío Alborada. A agrupación repetirá á noite co dúo D'Luxe.
Valenza · Todo vendido para o terceiro xantar popular promovido pola comisión de festas. Será coa pulpeira Mosquera, e con vermú e música de tardeo a cargo do dúo Arcángel e da discoteca móvil CDC.
Reabre Néboa chillout e a raxería Os Arcos festexa o 25 aniversario
Esta fin de semana inaugura oficialmente tempada un dos locais máis singulares da comarca: Néboa chillout, un chiringuito en pleno corazón de Ponteceso emprazado a pé do río Anllóns. Música en directo e moitas sorpresas, avanzan dende o local, haberá nestas dúas primeiras xornadas de apertura, cos concertos de José Brea e Miguelón (hoxe, a partir das 19.00) e Fer Blanco e Lucas Lluma (mañá, á mesma hora).
E dun local que volve para a tempada estival, a outro que festexará hoxe nada máis e nada menos que o seu vixésimo quinto aniversario. Trátase da raxería Os Arcos, de Baio, que ten preparada unha boa celebración a partires das catro da tarde de hoxe: música en directo, inchables para os máis pequenos, pinchos, agasallos «e moitas sorpresas máis!», avanzan.