A música coral reivindica o seu peso no San Xoán carballés da man da Polifónica Bergantiños

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Coral Bergantiños, durante unha celebración de Semana Santa na igrexa de San Xoán Bautista
A Coral Bergantiños, durante unha celebración de Semana Santa na igrexa de San Xoán Bautista BASILIO BELLO

Hoxe, día grande, actuarán pola noite Baiuca e Panorama City. O sábado, nova edición da Mostra de Habaneras

24 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Haberá música urbana, haberá rock, haberá tradición e haberá ritmos caribeños, pero a música coral tamén terá un papel destacado nesta semana grande do San Xoán en Carballo. Será da man da Coral Polifónica Bergantiños, que ademais de acompañar as misas solemnes de hoxe e do venres na parroquia de San Xoán Bautista, promove para este sábado unha nova edición, a vixésimo oitava, da súa Mostra de Habaneras.

Será a partir das oito da tarde, no auditorio do Pazo da Cultura, e actuarán como agrupacións convidadas o Coro de Oleiros e a Polifónica San Lorenzo de Belesar.

Ben intensos están sendo os preparativos do coro carballés de cara a tan crucial semana, coa dirección da veteranísima Gloria de los Ángeles Pardines e cun novo presidente recentemente nomeado. Trátase do larachés Gerardo Cambón, que leva algo máis dun ano vinculado á entidade e que hai escasas dúas semanas foi elixido para o cargo. «Eu, encantado da vida. Encántame a música coral, de feito xa formei parte doutra agrupación na Laracha, e isto está tamén moi ben para socializar», considera Gerardo.

La golondrina, La sirena, A vella chalana, La gavina e Yo quiero ser marinero son os temas que interpretarán as arredor de 35 voces anfitrioas, que actuarán en terceiro lugar tralas intervencións das corais convidadas, que estarán dirixidas por Luciano Lago, no caso da formación de Oleiros, e Javier Domínguez, en canto a San Lorenzo de Belesar.

Procesión, Baiuca e Panorama City na xornada do patrón

Será a de hoxe unha das xornadas grandes das festas patronais de Carballo e comezará cun pasarrúas animado pola Banda Municipal de Gaitas e os grupos de gaitas da asociación San Campio de Cances e de Arume de Verdillo.

Ás 12.30 dará comezo a misa solemne na honra de San Xoán, cantada pola Coral de Bergantiños e con invocación ao patrón por parte do alcalde, Daniel Pérez. A continuación, sairá o santo en procesión acompañado pola Banda de Música de Cee, que ofrecerá máis tarde, ás 14.00 horas, un concerto no adro da igrexa San Xoán Bautista.

Xa pola tarde, ás 19.30 haberá danza de cabezudos polas rúas a cargo das asociacións culturais, e pola noite, os concertos de Baiuca (23.00, Praza do Concello) e da orquestra Panorama City (00.30, Rego da Balsa).

E tamén hoxe... máis festas e sabores do mar en Pazos

Tamén noutras localidades da bisbarra estarán hoxe en festa. En O Esto (Cabana), haberá pasarrúas, misa solemne e sesión vermú e verbena coa orquestra Aché, mentres que en Traba de Laxe, oficios relixiosos polo Sacramento e vermú cos gaiteiros de Churía e a orquestra Miramar, que repetirá pola noite co grupo Máster. Máis opcións: en Sardiñeiro, misa ao mediodía, vermú con Eureka e festa nocturna con Eureka e discoteca móvil Full, e en Xornes, vermú con Rocío Pérez logo dos actos litúrxicos.

Ademais, o local social de Pazos (Ponteceso) acollerá hoxe a antepenúltima presentación do libro Cociña do mar. Será ás 20.00, con peche da coral San Salvador de Pazos.