A forza aérea americana practicou dous ‘voos americanos' sobre territorio europeo. O primeiro foi concibido en 1944 tralo desembarco de Normandía. As fotos españolas fixéronse en 1945-46, ao principio de incógnito e logo, tralo acordo con Franco, polo legal.
Hai tamén a sospeita —ou a lenda— dun misterioso voo anterior da Luftwaffe nazi nunca entregado a España. O segundo voo, máis coñecido, practicouse tralos pactos de Madrid de 1953, nos que España cedía aos americanos dereitos nas bases aéreas a cambio de armamento e material loxístico como este voo de 1956. Ten máis resolución e calidade.
Hoxe os ‘voos americanos' xa non teñen un uso militar. Como instantáneas dun mundo anterior, son ferramentas valiosas para viaxar ao pasado. Mesmo entre o voo de 1946 e o de 1956 xa se pode apreciar unha Galicia cambiante. O primeiro, só sete anos despois da fin da guerra civil, é un retrato do país máis agrario; xa no voo de 1956 se aprecian cambios importantes: o crecemento das cidades, a apertura de novas estradas e, sobre todo, o incremento da superficie forestal, que pouco a pouco coloniza o monte, menos produtivo no agrícola. Neses voos distínguese mámoas e castros con facilidade, sobre todo estes últimos, cos seus recintos amurallados.
Os voos axúdannos a entender a paisaxe tradicional e o peso referencial dos monumentos antigos aínda na Galicia do século XX. Atopábanse ao carón das aldeas, no medio da vista da xente. Aqueles monumentos facían que o pasado fose parte cotiá do presente.
(*). Manuel Gago é xornalista, escritor e docente, con ampla traxectoria na divulgación patrimonial e amplo coñecemento da Costa da Morte.