Case 400 escolares involucrados coa reciclaxe en Cee e Camelle

Melissa Rodríguez
melissa r. s. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Limpeza en Camelle.
Limpeza en Camelle. ANA GARCÍA

O CEIP Vila de Cee e o CPI de Zas celebraron sendas actividades do programa Voz Natura

19 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Case 400 escolares de infantil e primaria déronse onte cita en torno ao programa medioambiental Voz Natura de La Voz de Galicia. Case 300 foron do CEIP Vila de Cee. Celebraron no patio do colexio o seu mercadiño solidario. Segundo explica a directora do centro, Paula Pereira, durante todo o curso viñeron traballando dentro do proxecto de Voz Natura o cambio climático. Por iso esta actividade final xirou en torno a elaboracións feitas de maneira artesanal vinculadas á temática. Cada clase tivo o seu posto e foi así como recibiron á comunidade educativa, á vez que interpretaron temas musicais. «Cada un paga o que considera, pero os nenos esixen!», dicía entre risas. A recadación irá para a Casa Ronald McDonald, de Madrid. Con este xesto solidarízanse cunha nena local hospitalizada no Niño Jesús. Houbo plantas, macetas decoradas, pousavasos, láminas artísticas con papel e organismos vexetais, fotografías creativas... Todo, tratando de usar o maior material reciclado posible. Houbo un gran ambiente.

Mercadiño solidario en Cee.
Mercadiño solidario en Cee. ANA GARCÍA

Xa na praia de Camelle, o CPI de Zas desprazou ata alí a case un cento de rapaces e rapazas para facer unha limpeza coa asociación local Mar de Fábula. A chegada do bo tempo, fixo que recollesen menos lixo do habitual, pero aínda así atoparon cabichas, botellas de plástico ou 28 toalliñas hixiénicas, sinalaron a docente, María Jesús Carballo, e a presidenta de Mar de Fábula, Virginia Barros. Clasificaron os plásticos e visitaron a casa de Man, ao que homenaxearon debuxando mandalas na area. Finalizaron cunha merenda no Ariño, en Xaviña. Para moitos foi a súa primeira limpeza. Tamén se atoparon con cangrexos. Todo lle resultou sorprendente: «Ninguén pensou nos móbiles».

Este centro ten un horto dentro do proxecto de Voz Natura, cuxos froitos van para o comedor escolar.